FESTAS

O Rei Felipe VI realizará a Ofrenda ao Apóstolo no día grande de Santiago

24/07/2014 Na xornada do venres 25 celebramos o Día do Apóstolo e o Día de Galicia, no que se celebrará a cita máis importante da xornada coa Ofrenda Nacional ao Apóstolo na Catedral de Santiago, coa presenza das SS.MM os Reis de España, e a posterior recepción de autoridades no Pazo de Raxoi. Como outro dos momentos destacados da xornada teremos o concerto de Los Planetas na Praza da Quintana.

A cerimonia comezará o día ás 10:00 horas coa Procesión do Padroado do Apóstolo Santiago e a Ofrenda Nacional ao Apóstolo na Catedral a cargo do Rei. A continuación, haberá unha recepción no Pazo de Raxoi para todas as autoridades presentes. Felipe VI, embaixador de honor vitalicio do Camiño de Santiago , realizou por primeira vez a Ofrenda en 1989, data na que Santiago de Compostela acolleu ademais a Xornada Mundial da Xuventude. Tamén foi o delegado rexio en tres ocasións máis: 1990, 1991 e 1993. O Rei Don Juan Carlos acudiu por última vez en 2010, último Ano Santo ata o próximo 2021.

Pero ademais dos actos institucionais, nesta xornada do 25 de xullo tamén haberá ocio e diversión. Así, ás 12:30 horas, comezarán os pasarrúas coa charanga de cabezudos e, pola noite, ás 21:00 horas, na praza da Quintana contaremos coa música dunha das bandas máis consolidadas do panorama actual: Los Planetas, que terán de teloneiros a Disco Las Palmeras!. E pecharemos a xornada coa Orquestra América na Alameda a partir das 23.00 horas.

Compartir: