CULTURA

O Festival d’Gorra enche as rúas de clown, malabares e escapismo

14/08/2006 A actuación de Fredi na Quintana, ás 17:30 horas, abre a terceira xornada do Festival d’Gorra. Clown, malabares e escapismo para un novo día cheo de animación nas rúas de Compostela.

No eido dos malabares, mención especial a Kuboam Bulante, que se estrea nesta do festival, con "Un home perdido", un espectáculo de clown e malabares. A través do xogo, da emoción e da risa, da intimidade cos demais, el é, en definitiva, espello dos outros. O pase é ás 18:00 horas no Toural.

Media hora despois tocaralle a vez nas Praterías a Lupo, que convida ao público a unha mestura de risas, habilidades, orixinalidade e sorprendentes sabores tropicais. A continuación, na Quintana, Pajarito presenta "La vida loca", unha exhibición de clown e escapismo. Unha pallasa que levanta paixóns, tenrura e gargalladas libérase das súas ataduras e lévase ao público con ela.

Para as 20:00 horas queda a actuación de Roi o Cagabolas no Toural. O artista, un dos mellores profesionais galegos do circo, exhibe técnicas circenses, maxia e coreografías musicais, sempre coa complicidade do público. E para finalizar a xornada, Kote , tamén referente no mundo dos malabares e do espectáculo de rúa, que divertirá e sorprenderá a tódolos públicos.

Documentos relacionados



Compartir: