FESTAS

Actividades infantís, música, a Xornada do Folclore, a Festa do Escalo e o Día do Traxe na primeira fin de semana do Apóstolo

18/07/2014 Tras pregón do campión de tríatlon Iván Raña, chega a primeira fin de semana das Festas do Apóstolo, cargada de actividades para todos os públicos. Entre elas, destaca o sábado a Xornada de Folclore Galego na praza da Quintana e o domingo a Festa do Escalo en Chaián, o Día do Traxe Galego e o concerto da Banda Municipal de Música, ademais dunha programación especial infantil. Xa o luns, poderemos escoitar a Sylvia Howard Quintet & Roland Tchakounté Blues Band na Quintana.

A xornada do sábado comezará con actividades para os máis pequenos da casa no Salón Teatro. Ás 18:00 horas poderemos ver Caír con Pista Catro e, ás 19:30 horas, Aurora, con Elefante Elegante. Ambas para público familiar e Aurora, que se estrea en Santiago, recomendada para maiores de 3 anos. A entrada destas actividades, organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, é de balde. Ás 21:00 horas poderemos achegarnos ao monte Gaiás para escoitar a De Nauters, dentro do Atardecer do Gaiás e, á mesma hora, na Praza da Quintana, comeza a Xornada de Folclore Galego, onde poderemos escoitar a tres dos grupos de música e baile tradicional con máis historia da cidade, Brincadeira, Colexiata do Sar e Cantigas e Agarimos, ademais do grupo invitado, os coruñeses Donaire. Pecha o día a orquestra Ipanema na Alameda.

O domingo celebramos a XXXV Edición do Día do Traxe Galego, que viste a nosa cidade de cor e tradición. As actividades comezarán ás 11:30 horas coa concentración de participantes no desfile na Alameda para despois pasear ata a praza do Obradoiro. Alí, ás 13:15 h haberá misa e ofrenda ao Apóstolo na Catedral e, ás 14:15 h, os participantes serán recibidos no Pazo de Raxoi. Xa pola tarde, ás 16:00 h, concentraranse en San Domingos de Bonaval os participantes no certame de traxes, que sairán desfilando ás 19:30 h ata a praza da Quintana, onde ás 20:00 h poderemos ver a exhibición e concurso de traxes, así como a entrega de premios. Ao remate da mesma, ás 22:30 h, ofrecerá un concerto a gaiteira Susana Seivane.

Nesta xornada de domingo tamén poderemos gozar da Festa do Escalo en Chaián; do concerto da Banda Municipal de Música ás 12:30 h na Rúa do Vilar, dirixida por Casiano Mouriño; e da Ensalada de instrumentos con Os Tres Tenedores ás 18:00 horas na praza do Toural. Alí, este grupo de animación musical mesturará música, teatro e humor, con fins didácticos, para comensais de bo e primeiro dente, que son os rapaces e rapazas de entre catro e quince anos.

Xa o luns día 21 contaremos cunha das voces mais interesantes e persoais do jazz internacional: Sylvia Howard e, a continuación, no mesmo escenario, outro luxo: a Roland Tchakounté Blues Band, unha mestura perfecta entre o blues do Mississippi e a poesía africana.

14 días de variada programación
O programa das Festas do Apóstolo 2014, que se celebra durante catorce días: do 18 ao 31 de xullo, conta con variedade de rexistros e espectáculos para todos os gustos e idades, actividades culturais e lúdicas que conforman un programa diversificado para unha cidade plural como a nosa. Teremos concertos de música actual, varios de música clásica coa Banda Municipal de Música e a Real Filharmonía de Galicia; orquestras que amenizarán as noites compostelás, atraccións feirais, pasarrúas, xigantes e cabezudos; actividades para os máis pequenos, o concurso de traxes de época e coches antigos, obradoiros de danzas urbanas e percusión ou a edición do torneo da chave ademais, por suposto, da Ofrenda ao Apóstolo e os tradicionais e tan esperados Fogos.

Todo isto conforma un variado, intenso e interesante programa que non sería posible sen a colaboración de empresas como Estrella Galicia, Coca-Cola, Gadis, El Corte Inglés, La Voz de Galicia ou o Centro Comercial As Cancelas, que colaboran co Concello na programación das Festas. Tamén colaboran, cunha programación especial, a Cidade da Cultura e o Consorcio de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: