XUNTA DE GOBERNO

O Concello aproba o convenio que permitirá financiar as obras en Angrois

18/07/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno do convenio de colaboración entre ADIF, Renfe Operadora, a Fundación dos Ferrocarrís e o Concello de Santiago que permitirá financiar as tres obras previstas na parroquia de Angrois. Suporán un investimento de 300.000 euros, destinados a unha zona de descanso para peregrinos, un parque público e infantil e un campo da festa e pista polideportiva, ademais dun almacén para a asociación veciñal.

Mentres se concreta a data de sinatura do devandito convenio, o Concello avanzou xa na tramitación do proxecto, co obxectivo de que as obras en Angrois poidan comezar de inmediato. Trátase, por unha banda, da construción dun campo dun recinto para campo da festa e pista polideportiva, unha obra que ten un orzamento de 151.887,79 euros e un período de execución de tres meses.

Neste mesmo prazo de tempo executarase, por un importe de 99.877,13 euros, unha zona de descanso para peregrinos, ademais dun parque público e parque infantil. Crearase unha zona de equipamentos biosaudables e unha zona de descanso que contará cun conxunto de pezas de mobiliario urbano realizado en granito pola Escola de Canteiros de Poio (Servizo da Deputación de Pontevedra). Renderase así permanente homenaxe aos veciños de Angrois.

Quedará por aprobar o proxecto de construción dun almacén, solicitado pola asociación veciñal. En total, tal como figura no convenio, ADIF achegará uns 300.000 euros para todas estas actuacións.

Medallas de Galicia
Aproveitando este tema, o alcalde recordou que efectivos da Policía Local e dos Bombeiros de Santiago estarán entre os que recollan as Medallas de Galicia no acto previsto para o 24 de xullo. Non obstante, expresou o seu desexo de que, nesta representación, os cidadáns "visualicen a todos os que participaron no operativo e que amosaron a sua xenerosidade nese día". Neste sentido, tivo un especial recordo para todos aqueles que atenderon aos familiares no Cersia.

Estación intermodal
Preguntado pola futura estación intermodal, Agustín Hernández, apuntou que "Santiago precisa unha estación acorde cos máis de 1,4 millóns de usuarios anuais que a empregan, a de maior tránsito de Galicia". Pero recalcou que, "o que Santiago necesita non é un proxecto virtual, senón un proxecto realista e viable".

Agarda que se poida buscar unha proposta "consensuada", cara a que non ten dúbida que o Ministerio de Fomento será "sensible". Insistiu na necesidade dunha planificación e dunha programación con dotación orzamentaria do Estado, que permita unha "mellora progresiva" das instalacións e tamén coordinar coa Xunta a construción da estación de autobuses. Aposta por utilizar o edifico actual da estación como punto de partida para, a partir de aí, "realizar modificacións substanciais" e "encaixar a intermodalidade".

Estatuto da Capitalidade
Outro dos convenios aprobados na Xunta de Goberno foi o de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma. A Xunta mantén a cantidade asignada para este convenio en 2013, por un importe de 2,3 millóns de euros. Tal como se indica no texto, o primeiro dos abonos debe realizarse pola Xunta antes de finalizar xullo. O segundo pagamento efectuarase antes do 30 de setembro e, o terceiro, antes de rematar 2014.

Documentos relacionados



Compartir: