XUNTA DE GOBERNO

Vinte e nove persoas desempregadas formaranse e traballarán en proxectos municipais durante seis meses

18/07/2014 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno deuse conta da concesión de dúas subvencións para dous programas de fomento do emprego que permitirán a contratación de 29 desempregados durante un período de seis meses. Estes traballadores realizarán as súas tarefas nun obradoiro de turismo ecolóxico e en diferentes departamentos municipais.

Tal como indicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, a Consellería de Traballo e Benestar concedeu unha subvención para a realización do obradoiro de emprego de turismo ecolóxico Ecotur Santiago. Este proxecto supón un investimento de 204.319 euros, dos que o Concello achega 25.000. A maior parte do orzamento, 110.038 euros, está destinada aos salarios dos 23 alumnos – traballadores, e o resto a persoal docente e aos gastos de funcionamento e material.

Este programa pretende mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas a través da súa cualificación profesional, complementada coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade publica ou interés social. Nesta ocasión os alumnos participarán na rehabilitación e posta en valor da antiga Escola Unitaria de Villestro como Centro de Visitantes Val de Roxos-Camiño de Fisterra, na elaboración de recursos e materiais para a promoción do turismo ecolóxico do Val de Roxos-Camiño de Fisterra, e na elaboración e mantemento da páxina web Val de Roxos-Camiño de Fisterra. Así pois, a formación impartirase en materias como a promoción turística e a información a visitantes, a confección de páxinas web ou operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Por outra parte, ao abeiro dun programa de cooperación coas entidades locais, a mesma Consellería de Traballo e Benestar outorgou unha subvención para a contratación, para diferentes departamentos municipais, de persoas con dificultades para a inserción laboral. Beneficiaranse desta iniciativa seis persoas desempregadas.

Para a Concellería de Economía contratarase unha muller vítima da violencia de xénero, que traballará como persoal de apoio no Departamento de Emprego. Tamén haberá dous postos para mozas ou mozos menores de 30 anos con especiais dificultades de inserción. A Concellería de Benestar poderá contratar unha muller vítima da violencia de xénero e, finalmente, cubriranse postos entre mulleres, mozas ou mozos parados de longa duración en Centros Socioculturais e en Deportes.

A subvención é por un importe de 33.325 euros e permitirá as devanditas contratacións por un período de seis meses.

Obras no Auditorio e no Principal
Outro dos asuntos abordados na Xunta de Goberno foi o da solicitude de subvención de fondos europeos FEDER para afrontar diversas obras no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Trátase de traballos de adecuación de tremoia, incendios, iluminación led, climatización, tarimas e trípodes. A actuación do Principal ten un custo de 16.133 euros e, a do Auditorio, de 35.653 euros.

Documentos relacionados



Compartir: