CULTURA

Pasarrúas, cabaré e malabares deron comezo ao do Festival d’Gorra

13/08/2006 Un percorrido festivo polas rúas do casco antigo deu comezo á terceira edición do Festival d’Gorra. Ata o 27 de agosto agardan máis de 100 representacións a cargo de 26 compañías, 21 delas galegas.

A primeira xornada do Festival, o domingo 13 de agosto, compleotuse pola tarde con varios espectáculos. Para comezar, a Praza das Praterías acolleu o espectáculo de Trasno, un dos máis completos artistas galegos do chamado "novo circo". A partir das 18:30 horas non faltaron os malabares, as acrobacias, o humor, a música e, sobre todo, a participación do público.

A continuación, ás 19:30 horas, o circo trasladouse á Quintana, onde o showman arxentino DJ Capuzzi fixo unha demostración de humor e malabares a través dunha particular viaxe ao corazón da música disco. E para rematar o día, cabaré nas Praterías a cargo de PistaCatro.

Xa para o luns 14, ademais dunha nova función de Trasno, entran en escena cinco novos artistas. Un deles é Lupo, que convida ao público presente na Quintana a unha mistura de risas, habilidades, orixinalidade e sorprendentes sabores tropicais. Despois de Lupo actuará Fredi na Quintana e Pámpano en Praterías. Este último trae o seu espectáculo "O príncipe das Mareas", con malabares e comedia xestual.

Completan a xornada Assircópatas e Roi O Cagabolas. Os primeiros representan "A pachorra", unha historia na que só un grupo de ex bailaríns do musical de Nacho Cano poden salvar á humanidade de José Luís Moreno. O segundo exhibe técnicas circenses, maxia e coreografías musicais, sempre coa complicidade do público.

Ademais, hai actividades especiais, coma o "Espazo happening", na Porta Faxeira e na Rúa do Franco. Cigani&Cía encárganse desta exhibición. E mentres dure o Festival, estará na Praza da Quintana un espazo plástico, "A paleta desnuda", a cargo da pintora María Meijide.

Novo circo

O Festival d’Gorra naceu no ano 2004 como unha iniciativa dos artistas galegos de PistaCatro para trasladar os espectáculos do chamado novo circo ás rúas de Compostela. Un xeito de achegar a súa arte a todos os cidadáns e visitantes da cidade, de experimentar novas linguaxes e de reivindicar as rúas como espazo de encontro e de creación de cultura.

Segundo din neste colectivo, pasar a gorra é unha maneira de democratizar a cultura. Os artistas ofrecen a súa arte directamente ao público sen intermediarios, e estes valoran economicamente a calidade do espectáculo.

Compartir: