ALCALDÍA

O alcalde busca unha posición unánime da cidade en defensa da demarcación xudicial para trasladarlla ao Ministerio de Xustiza

17/07/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu os decanos dos colexios de Avogados, Evaristo Nogueira, e de Procuradores, José Paz. Na reunión tamén participaron os voceiros dos grupos municipais. Continúan así as xuntanzas con diferentes colectivos da cidade co fin de "buscar un posicionamento unánime da cidade en defensa da demarcación xudicial de Santiago, para así trasladarlla ao Ministerio de Xustiza", indicou o rexedor municipal.

A fórmula apuntada polo alcalde é a de que os diferentes colectivos da cidade poidan sumarse ao acordo plenario do pasado 24 de abril, adoptado por unanimidade dos grupos municipais, no que se insta ao Goberno central a que a nova Lei orgánica do poder xudicial contemple o partido xudicial con tribunal de instancia para Santiago de Compostela, e que siga mantendo, cando menos, os servizos que ten na actualidade. Así llo plantexou aos decanos dos colexios na reunión, celebrada a petición dos mesmos.

No encontro, alcalde e decanos falaron do anteproxecto de Lei do Poder Xudicial, en fase de alegacións. Coincidiron na necesidade de consensuar unha posición común da cidade de Santiago para trasladar ao Ministerio de Xustiza. Nesta liña, Agustín Hernández lembrou que todos están de acordo no mantemento dos partidos xudiciais tal e como están hoxe na actualidade, así como das instalacións xudiciais.

O alcalde agradeceu aos voceiros dos grupos socialista e nacionalista a asistencia á xuntanza e retirou a importancia de buscar "un punto de encontro". "Estou seguro de que existe este fronte común", dixo, citando a adhesión que se busca en empresarios, universidade, colectivos xudiciais e outros axentes económicos, políticos e sociais da cidade.

Compartir: