DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE E MEDIO RURAL

O Concello investirá máis de 700.000 euros no acondicionamento de 37 pistas rurais e no contrato anual de rozas

17/07/2014 Celebrouse a primeira mesa de contratación co obxecto de adxudicar as obras de acondicionamento e mellora das pistas municipais nas parroquias de Santiago de Compostela. Con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014), o Concello investirá 508.320 euros en 37 pistas de 17 parroquias do rural, alcanzando os 82.878 metros cadrados. O tempo máximo de execución é de catro meses.

Realizaranse obras nas seguintes parroquias e vieiros: San Xoán de Fecha (pistas Roán, Lamascal-Fecha e Lamascal-Ponte Vilar); Grixoa (pistas Grixoa-Miramontes e Grixoa-Marzo); San Caetano (pista A Gracia-Escarabuña); A Peregrina; Berdía (pista Chaián-Insuas e pista Lobra); Nemenzo (Nemenzo de Arriba, Paradelas e Os Muíños); Busto (Currais, O Castro-Vilariño e Vilariño); Marantes (Os Mallos, Gosende e Cortos); O Carballal (pista Tarrío); O Eixo (Bornais e Bornais-Uceira); Marrozos (Igrexa, Sixto e Corexo); Sabugueira (Lavacolla-Castiñeira e Lavacolla-Correos); Bando (Bando-campo de fútbol); Aríns (rúa da Pena, Sobríns, Dios Diante e Vilacoba); Villestro (Pousada, Feáns, Pedrido e Barcia); e Laraño (pista Loimil).

As obras consistirán fundamentalmente en reparación de panos completos en todo o ancho de tramos de calzada, para garantir a seguridade e comodidade do tráfico rodado; e obras complementarias ás principais, que poidan incrementar o nivel de seguridade e comodidade dos vieiros reparados ou que poidan alongar a súa vida útil, coma puideran ser limpezas de cunetas, reposición de tubaxes ou arquetas deterioradas polo seu uso…

Servizo anual de rozas e limpeza de marxes e drenaxes
Por outra parte e seguindo coas parroquias do rural, reuniuse a mesa de contratación para valorar o informe final sobre as ofertas das catro empresas que optaban ao contrato de prestación do servizo de roza, limpeza, mantemento de marxes e drenaxes de vieiros, carreiros fluviais e parcelas municipais. O obxectivo é que a adxudicataria poida comezar nas vindeiras semanas os traballos.

Este contrato anual, que saíu a licitación por 232.000 euros, inclúe dúas rozas xerais por todas as parroquias do rural compostelán: a inicial que comezará en breve e outra na primavera. Á marxe destas, a empresa adxudicataria irá realizando ao longo do ano as rozas que sexan necesarias en función das necesidades puntuais das parroquias referendadas polos técnicos municipais. Isto permitirá unha maior axilidade na resposta ás demandas veciñais.

Estableceranse programas mensuais de traballo, nos que se incluirán labores como a limpeza e reparación de cunetas, baixantes, arquetas ou drenaxes; o segado de herba e o seu tratamento; a retirada de residuos vexetais, escombros e lixo; a limpeza de colectores, barreiras de seguridade, sinais e indicadores; o revestimento de cunetas ou a construción de baixantes. No contrato tamén se inclúen actuacións urxentes como a limpeza de aterramentos e desprendementos ocasionais, a limpeza de canos, taxeas e sumidoiros, ou a retirada ocasional de árbores.

Á marxe da entrada en servizo deste servizo anual, continúan a bo ritmo e segundo os prazos previstos as rozas nas parroquias con motivo das diversas festas parroquiais. Os traballos efectúanse segundo un calendario marcado polas datas das celebracións.

Compartir: