FESTAS

O pregón de Iván Raña abrirá 14 días de variadas propostas nas Festas do Apóstolo

16/07/2014 A concelleira de Festas, María Antón presentou o programa das Festas do Apóstolo 2014, que se celebrarán durante 14 días: do 18 ao 31 de xullo. Trátase dun programa con variedade de rexistros e espectáculos para todos os gustos e idades, actividades culturais e lúdicas que conforman un programa diversificado para unha cidade plural como a nosa. As Festas comezarán este venres, día 18, co pregón dun campión do mundo que vive e se sinte identificado cao nosa cidade: o triatleta Iván Raña, que acompañou a edil na rolda de prensa.

A concelleira de Festas sentiuse especialmente satisfeita do pregoeiro que teremos este ano, así como da programación de concertos que cualificou de "excepcional" tendo en conta o número de grupos internacionais que poderemos escoitar, entre os que destacou Los Planetas, Crystal Fighters e Belle & Sebastian. Antón lembrou ademais que estes concertos chegarán á cidade aproveitando xiras e convenios con distintos promotores, de xeito que a inversión económica do Concello se veu minorada pola implicación directa destes, tal e como se vén facendo noutras edicións pasadas.

Pero ademais dos concertos de música actual, teremos tamén varios de música clásica coa Banda Municipal de Música e a Real Filharmonía de Galicia; orquestras que amenizarán as noites compostelás, atraccións feirais, pasarrúas, xigantes e cabezudos; actividades para os máis pequenos; o concurso de traxes de época e coches antigos; obradoiros de danzas urbanas e percusión; a Festa do Escalo; o Torneo da Chave; o Día do Traxe Galego, a Ofrenda ao Apóstolo e os tradicionais e tan esperados Fogos do Apóstolo. Todo isto conforma un variado, intenso e interesante programa que non sería posible sen a colaboración de empresas como Estrella Galicia, Coca-Cola, Gadis, El Corte Inglés, La Voz de Galicia ou o Centro Comercial As Cancelas, que colaboran co Concello na programación das Festas. Tamén colaboran, cunha programación especial, a Cidade da Cultura e o Consorcio de Santiago, este último para o financiamento dos fogos do 24 e do 31 de xullo.

Pregón
As festas do Apóstolo arrincarán este venres, 18 de xullo co pregón de Iván Raña ás 23:00 horas desde os balcóns do Pazo de Raxoi. A concelleira de Festas, María Antón, salientou que "é unha honra para o Concello que Iván, figura do deporte mundial, sexa quen dea o pregón das nosas festas". Antón lembrou que Raña, aínda que nacido en Ordes, vive en Santiago dende os 14 anos, polo que é un compostelán máis, un compostelán do que nos enorgullecemos enormemente e co que celebramos cada éxito deportivo acadado, como o Campionato do Mundo de Tríatlon no 2012, co que pasou á historia por ser o primeiro triatleta español que logrou un campionato mundial, e con todos os éxitos chegados despois. Antón destacou que Iván representa "o mellor dun deportista: o sacrificio, a perseveranza, o traballo diario ben feito…" e é por iso que é un "exemplo para todos e para o Concello de Santiago unha satisfacción telo de pregoeiro".

Iván Raña cualificou de "tremendo" que o teñan valorado no lugar onde vive e escollido para pronunciar o pregón, que para el será algo "moi especial e emotivo". Agarda "compartir un momento agradable con composteláns e visitantes" grazas a un pregón no que haberá anécdotas da súa vida na cidade e unha lembranza ao suceso de Angrois.

Tras o pregón, poderemos escoitar na Praza do Obradoiro a Gallaecia Big Band, que nos ofrecerá unha interesante selección dos clásicos do swing, latin e boleros, así coma os clásicos galegos.

Día do Traxe, folk e soul
Na primeira fin de semana das festas, o sábado 19, teremos a Xornada de Folclore Galego, un evento tradicional no que poderemos escoitar a tres dos grupos de música e baile tradicional con máis historia da cidade, Brincadeira, Colexiata do Sar e Cantigas e Agarimos, ademais do grupo invitado Donaire. Xa pola tarde, colaboración da Consellería de Cultura, con teatro, circo e música. O domingo día 20 celebramos a XXXV edición do Día do Traxe Galego, que viste a nosa cidade de cor e tradición. Ao remate do desfile ofrecerá un concerto Susana Seivane e a Banda Municipal de Música realizará o habitual concerto dominical na rúa do Vilar. Pola tarde contaremos con programación infantil na praza do Toural: Os Tres Tenedores, coa obra Ensalada de instrumentos. Trátase dun grupo de animación musical, que mestura música, teatro e humor, con fins didácticos, especialistas na mellor cociña musical para comensais de bo e primeiro dente, que son os rapaces e rapazas de entre 4 e 15 anos.

O luns día 21 contamos cunha das voces máis interesantes e persoais do jazz internacional: Sylvia Howard e, a continuación, no mesmo escenario, outro luxo: a Roland Tchakounté Blues Band, unha mestura perfecta entre o blues do Mississippi e a poesía africana. Xa o martes 22 terá lugar durante todo o día a III Edición do Certame Folk organizado por La Voz de Galicia en colaboración co Concello de Santiago. A partires das 12 da mañá, na praza do Obradoiro, poderemos gozar dunha feira de artesanía e exposición de ourives, así coma obradoiros para os rapaces e rapazas. Pola tarde/noite contaremos coa animación da charanga O Recobío de Vaamonde e a música de Kepa Junquera, Budiño e convidados, entre os que estarán Luis Tosar, Carlos Blanco, Piti Sanz e Xavier Díaz, para rematar coa Banda das Crechas.

O mércores 23, a actuación estelar na praza da Quintana é a de Vintage Trouble, unha banda norteamericana que chega precedida dun incrible éxito de público e crítica xa dende a súa formación en 2010, grazas precisamente aos seus sensacionais directos e a un estilo único que apela ao que eles mesmos definen como "soul primitivo", co que recrean un persoalísimo son con sabor a vinilo e máquina de discos. Novedades Carminha, unha das bandas galegas consolidadas na escena independente española, será a encargada de quentar a noite antes da saída de Vintage Trouble ao escenario da Quintana. E farao cos temas do seu novo traballo, Juventud Infinita, álbum sensible pero canalla co que evoluciona cara a terreos musicais onde a contundencia do garage de factura lo-fi dáse a man co pop máis pegadizo, con tinguiduras de psicodelia e punk a partes iguais.

Fogos e Loquillo
O día 24 de xullo poderemos admirar o espectáculo máis esperado das Festas: os Fogos do Apóstolo, da man de dúas das empresas máis consolidadas e especializadas en multimedia e pirotecnia respectivamente, Acciona Producciones y Diseño e Pirotecnia Ricardo Caballer. A continuación será Loquillo e a súa banda os que nos agasallen cun concerto na praza da Quintana. O día 25 de xullo, día institucional por excelencia coa Ofrenda ao Apóstolo, contaremos coa música dunha das bandas máis consolidadas do panorama actual, Los Planetas, cun concerto que abrirán os galegos Disco Las Palmeras.

O sábado 26, as distintas manifestacións da cultura urbana poderanse gozar a partires das 17:00 horas na praza Rodrigo de Padrón e a oferta musical non pode ser máis variada: no Museo Centro Gaiás, oportunidade de escoitar Chick Corea & Stanley Clarke Duet e, na praza da Quintana, os máis novos poderán gozar do pop electrónico da banda londiniense Crystal Fighters.

Belle & Sebastian
Para o domingo 27 programouse un dos concertos da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, e luns 28 chegará o concerto máis esperado: Belle & Sebastian, acompañados da banda galega Caxade. Belle & Sebastian é un dos grupos punteiros do pop británico e dos que mellores críticas recibiu nos últimos 20 anos. Despois de oito albumes editados, sempre nos listados dos favoritos da prensa especializada, o seu pop luminoso segue a ter unha influencia capital na música popular contemporánea ao ser os creadores dun xénero propio no que as melodías cristalinas e as harmonías vocais dan forma a un cancioneiro enchido de cancións atemporais. Protagonistas habituais dos máis importantes festivais internacionais coma Glastonbury, Reading, Austin SXSW ou Pitchfork Fest, en Nova York, a formación conta cun gran predicamento en España, con presenza recente en festivais de primeira liña coma o Primavera Sound, Benicássim ou o Jazzaldia de San Sebastián.

Na noite do martes 29, a variedade está servida con dous grupos galegos La Banda del Camión e Riff Raff. Coa primeira gozaremos do rock&roll ao máis puro estilo, interpretando en clave de humor e de xeito moi interactivo co público os seus estribillos pegadizos e, no caso de Riff Raff, sorprenderannos as súas versións de temas de AC/DC. O día 30, tamén na praza da Quintana, a sorpresa vén de man da banda de rock Tuareg Tinariwen, chegados dende Malí e nacidos das rebelións tuaregs de finais dos anos 70 para converterse nunha revelación internacional. Tanto é así que en 2011 gañaron o Premio Grammy ao mellor álbum de World Music co seu traballo Tassili, que supón un regreso ás raíces nómades do pobo tuareg. Ese mesmo día teremos unha montaxe especial: Fantoches Baj xunto á Banda Municipal de Música presentan As pombas de Carboeiro en San Martín Pinario.

Remataremos as festas o día 31 de xullo cos fogos fin de festa, o concerto de Juan Perro & Zarabanda e a Orquestra Olympus na praza do Obradoiro.

Só tres concertos de pago
Todas as actividades organizadas polo Departamento de Festas son de balde a excepción dos concertos de Los Planetas, Crystal Fighters e Belle&Sebastian. Para Los Planetas, o prezo das entradas é de 20 € anticipada, 25 € en billeteira e 15 € as 500 primeiras vendidas; para Crystal Fighters 20 €, 25€ en billeteira e 18 € as primeiras 300 vendidas; e para Belle&Sebastian 20 € en anticipada, 24 € na billeteira e as 100 primeiras entradas a 18 €. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), así como en entradas.abanca.com, Ticketmaster e Ticketea; noutros puntos da cidade como A Reixa Tenda, o Centro Comercial As Cancelas, o Kunsthalle Compostela e outros puntos de venda en varias cidades galegas.

Documentos relacionados



Compartir: