DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

As obras na rúa da Caramoniña mellorarán a conectividade da zona da Almáciga cos barrios de San Pedro e San Roque

14/07/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, visitou a rúa da Caramoniña con motivo do inicio das obras de reurbanización nesta e no espazo libre anexo. Os traballos supoñen un investimento de 258.419 euros e teñen un prazo de execución de cinco meses.

O obxectivo fundamental desta intervención é a mellora da accesibilidade do barrio da Almáciga na súa vertente sur, e dicir, da súa conexión cos barrios Iimítrofes de San Pedro e de San Roque. Así, suprimiranse barreiras arquitectónicas e mellorarase a mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos.

Unha das intervencións máis significativas terá lugar na propia rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey, caracterizada polo seu deteriorado pavimento, pola súa estreiteza e por non contar con saída nun dos seus extremos.

Ademais, o ámbito de actuación estenderase á parcela lindeira, un espazo libre detrás da rúa e conectado con Bonaval, cuxo desbroce revelou a súa potencialidade dende o punto de vista medioambiental, de conectividade e mesmo como miradoiro.

Na rúa do Escultor Asorey melloraranse as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo). As obras centraranse na mellora da accesibilidade peonil e das condicións de acceso ás vivendas.

Esta obra encádrase dentro da área temática nº 7 de accesibilidade e mobilidade do Programa Urbana Santiago Norte.

A concelleira aproveitou a presenza na zona para visitar tamén a rúa de San Pedro, onde se están ultimando os detalles para a súa apertura ao tráfico de autobuses e servizos básicos.

Compartir: