CULTURA

Un concerto de Anonymous 4 clausurará o festival Via Stellae en San Paio de Antealtares

14/07/2014 O Festival Via Stellae, que comezou o pasado 20 de xuño, chega este martes ao seu fin cun concerto de clausura protagonizado por Anonymous 4. Será ás 21:00 horas en San Paio de Antealtares e a entrada é de balde previa retirada de convites no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas).

Con dous millóns de discos vendidos en todo o mundo e máis de 25 anos de carreira xuntas, o cuarteto vocal feminino norteamericano preparou para a ocasión un programa moi especial, resumo da súa exitosa traxectoria. Esta antoloxía inclúe unha peza de cada un dos seus discos gravados para Harmonia Mundi USA (incluído Miracles of Sant’Iago). Unha ampla panorámica dos cantos medievais e polifonías de Inglaterra, Francia, España ou Alemaña e pezas expresamente escritas e dedicadas a estas catro mulleres que forman parte da historia da recuperación da música da Idade Media.

"Cando catro mulleres novas reuníronse para interpretar uns cantos medievais e polifonía na primavera de 1986. É o mesmo que moitos pequenos grupos de músicos fan cada día en busca dunha aventura artística e dunha autonomía que as súas actividades musicais habituais non lles poden proporcionar. Igual agora como antes, as propias persoas e a unidade da súa música intentan facer clic, prodúcese esa química, e naceu un longo período de relación musical. En colaboración con cada unha delas e con Harmonia Mundi USA e a produtora Robina Young, tivemos o privilexio de poder gravar case todos os nosos programas de concerto. En Anthology, creamos un concerto especial para celebrar os nosos máis de 25 anos xuntas. Contén un obra de cada un dos nosos discos con HMU, así como unha peza escrita para nós por Richard Eihnom, o compositor de Voices of Light, máis unha nova composición do célebre neoiorquino David Lang. É o noso regalo para vostedes, para aqueles que nos escoitan, que axudaron a facer todo isto posible". Anonymous 4

Anonymous 4
Ruth Cunningham, Marsha Genensky, Susan Hellauer e Jacqueline Horner-Kwiatek forman Anonymous 4. Con case dous millóns de copias vendidas mundialmente en Harmonia Mundi USA, Anonymous 4 presentouse en moitos dos máis prestixiados festivais e escenarios. Os seus programas musicais incluíron pezas do ano 1000; música e poesía da mística abadesa do século XII, Hildegarda de Bingen; do século XIII e XIV, cantos e polifonía de Inglaterra, Francia, España; panxoliñas medievais das Illas Británicas; cancións e obras escritas recentemente para o grupo. Estas gravacións recibiron prestixiosos premios como Diapason d'Or de Francia, Classic CD's Disc of the Year, Classic FM's Early Music Recording of the Year, varios premios Gramophone Editor's Choice, premio Antonio Vivalidi en Italia, o premio Le Monde da Musique's Choc, e tivo xa dúas veces o máis alto número de votos como un dos Billboard's Top Classical Artists. Recentemente volveron ás listas do Billboard co lanzamento da súa produción Secret Voices (2011), música do século XIII, o códice español Las Huelgas.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celebrouse do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Compartir: