CULTURA

Santiago e outras 14 cidades españolas, francesas e portuguesas asinan o convenio marco do Camiño Cultural Atlántico

15/07/2014 A concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, asinou este martes en Bilbao o convenio marco do Camiño Cultural Atlántico, concibido como unha ruta costeira entre o sueste de Francia, Norte de España e Norte de Portugal. O documento foi subscrito tamén por alcaldes e representantes municipais de Bilbao, Biarritz, San Sebastián, Santander, Gijón, Oviedo, Avilés, Vigo, Braga e Guimaraes. As outras catro cidades implicadas (Burdeos, Bayona, A Coruña e Porto), suscribirá este mesmo acordo en datas próximas, conformando así unha rede urbana con capacidade para optar a fondos europeos dedicados a programas transnacionais.

Tras asinar este convenio marco, a concelleira destacou a importancia do mesmo para "por en valor todos os recursos culturais que desenvolven as cidades e organizar novos proxectos e accións culturais que poidan servir para unha maior expresión do eido cultural de cada unha delas". Entre os obxectivos, citou os de "facer da cultura un produto turístico xerador da riqueza e buscar posibles alianzas".

O Camiño Cultural Atlántico xorde como un corredor costeiro que concentra cidades con infraestruturas culturais, patrimonio e programacións culturais de primeiro nivel. Esta ruta costeira, que terá personalidade propia, contará cun gran potencial para posicionarse a nivel internacional como espazo de referencia dentro de Europa vinculado aos itinerarios culturais e turísticos.

Desta forma, as cidades adheridas ao Camiño Cultural Atlántico, entre elas Santiago, traballarán de forma conxunta en iniciativas de promoción e en proxectos comúns culturais de carácter internacional.

O convenio non leva consigo obrigas económicas para as cidades participantes, que só colaborarán naquelas actividades nas que acorden participar. Obxectivo fundamental deste acordo é optar tamén a fondos europeos para programas transnacionais.

Este proxecto veu xerándose dende o pasado ano 2013 con diferentes reunións que tiveron lugar en Santander, Oviedo e Gijón, e a través de conversacións entre os alcaldes das cidades que agora se integran neste Camiño Cultural Atlántico.

Compartir: