DEPORTES

Afeccionados ao ciclismo de todas as idades participaron nunha marcha urbana polas rúas de Santiago de Compostela

13/07/2014 Co obxectivo de contaxiar o entusiasmo e os valores do ciclismo entre os afeccionados, Movistar celebrou, por primeira vez en Santiago, unha das súas emblemáticas marchas ciclistas urbanas, capitaneada por Iván Gutiérrez e Igor Antón, membros do Movistar Team. A proba contou coa participación do alcalde compostelán, Agustín Hernández, que non quixo perderse esta marcha polas rúas da cidade.

Á marcha, de carácter gratuíto, sumáronse afeccionados de todas as idades. Partiu do Campus Sur (avenida da Coruña) e transcorreu dentro do casco urbano de Santiago, nun tramo que permaneceu pechado ao tráfico. O itinerario consistiu en 10 quilómetros de baixa dificultade pensados para ser percorridos en menos dunha hora e para vivir una experiencia única, pedaleando en familia ou entre amigos.

Santiago converteuse así no escenario da segunda das catro carreiras que compoñen a cuarta edición da iniciativa, coa que Telefónica apoia o ciclismo amateur, e para a que contou nesta ocasión coa colaboración de voluntarios do Club Ciclista Teo e do Motoclub Compostela. Nos últimos catro anos, máis de 13.000 corredores participaron nas distintas marchas organizadas por toda a xeografía española.

A organización regalou a todos os participantes unha camiseta e unha gorra para que realizaran a marcha perfectamente equipados. Os ciclistas tamén puideron facer uso dunha área de actividades con xincana infantil, zona de masaxes ou un taller de bicicletas. Sorteáronse varios equipamentos oficiais e unha bicicleta do equipo ciclista Movistar Team.

Compartir: