ALCALDÍA

Entrega de credenciais aos participantes na I Travesía Náutica Xacobea

12/07/2014 Concluíu en Santiago a I Travesía Náutica Xacobea cunha peregrinación pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, coincidindo cos actos do XXX Remonte Anual Marítimo Fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica, que organiza a Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Os 245 participantes recibiron as súas credenciais nun acto celebrado no Hotel Puerta del Camino e presidido polo alcalde compostelán, Agustín Hernández, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os tripulantes da Travesía Naútica Xacobea que percorreron a Ruta Atlántica e a Ruta Mediterránea desta peregrinación marítima, organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga, remontaron a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata chegar a Padrón e de alí partiron camiñando a Santiago para finalizar a peregrinación. Á súa chegada a Santiago asistiron á misa do peregrino e recibiron as súas Compostelas e Cotolayas.

A peregrinación náutica tivo por obxecto rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, ao tempo que se realizou esta viaxe única en Europa polas súas características.

Compartir: