ALCALDÍA

A I Feira de Antigüidades de Santiago reúne máis de 40.000 pezas no Pazo de Congresos

12/07/2014 O Pazo de Congresos de Galicia acollerá ata este domingo a I Feira de Antigüidades de Santiago de Compostela, á que asisten 35 expositores de España, Francia e Alemaña, que amosan máis de 40.000 pezas. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a concelleira de Economía, Reyes Leis, visitaron a mostra.

Trátase da primeira feira de antigüidades que se fai en Santiago cun carácter profesionalizado nun espazo como o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. O evento diríxese tanto aos coleccionistas como a calquera persoa interesada nas antigüidades, que pode atopar pezas curiosas ou cun valor sentimental.

Os expositores teñen unha ampla variedade de pezas, como máquinas de escribir antigas, radios, teléfonos, gramófonos, mobles, discos, xoguetes, ferramentas… Trátase dunha oportunidade para que os pais e os avós podan ensinar aos máis pequenos os obxectos da súa infancia e da súa xuventude.

A feira ofrece tamén a oportunidade de que os asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes poidan facerlle unha taxación precisa. Inclúese tamén a posibilidade de que vendan eles mesmos esas pezas, que quizais teñen máis valor do que o propio propietario pensaba.

A feira abre este sábado e o domingo nun horario continuado de 11:00 a 21:00 horas. O prezo da entrada, válida para todos os días da feira, é de tres euros, aínda que se rebaixa a dous euros a aquelas persoas que presenten os vales que repartiron en folletos por toda a cidade e na prensa local.

Compartir: