CULTURA

Germán Díaz, David J. Herrington, Andreas Prittwitz, Lookingback Quintet, Vox Stellae e Luis Martínez, no Festival Via Stellae

11/07/2014 O Festival Via Stellae, organizado polo Concello de Santiago e a Xunta de Galicia e que este ano celebra a súa 9ª edición, está chegando á súa fin, xa que o último concerto será o martes, 15 de xullo. Este sábado poderemos escoitar a Germán Díaz e David J. Herrington na capela da Orde Terceira a partir das 20:30 horas, dentro do Off#Stellae. Tamén no Off#Stellae estarán o domingo Andreas Prittwitz & Lookingback Quintet, nesta ocasión no Hostal dos Reis Católicos ás 20:00 horas. Luns, de novo o concerto será na capela da Orde Terceira ás 20:30 horas e, nesta ocasión, estará o coro Vox Stellae dirixido por Luis Martínez. A entrada para os tres concertos será de balde previa retirada da invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días de 18:00 a 21:00 horas.

Le voyage é unha viaxe cara o pasado, para buscar e coñecer a lira organizzata, instrumento híbrido, creado no século XVIII, combinación de órgano e zanfona. Tocábao Fernando IV, rei de Nápoles, e tan só se conservan menos de quince reproducións da época en diferentes museos, pezas de grande importancia organolóxica pero inservibles para executar as pezas que Haydn, Pleyel ou Mozart compuxeron para semellante artefacto. Wolfgang Weichselbaumer –considerado como o Stradivarius da zanfona– conseguiu fabricar unha reconstrución que permite interpretar estas músicas. Este lutier austríaco prestou xenerosamente unha das súas catro liras a Germán Díaz quen, xunto ao personalísimo músico de jazz David John Herrington, presentan este proxecto, Le voyage, con novas composicións inspiradas expresamente neste instrumento e nas súas particularidades técnicas e sonoras mestura da corda (zanfona) e o aire (órgano).

Os dous músicos propoñen unha viaxe nunca antes imaxinada, polas músicas tradicionais e o jazz, coa lira organizzata, a corneta e a tuba. Tras 200 anos de letargo, do século XVIII chega a nós nesta viaxe un dos instrumentos máis inusuais (unicamente hai catro reproducións que realmente funcionen no mundo) e insólitos (o único instrumento híbrido que combina simultaneamente un instrumento de corda e un de vento, ambos accionados polo mesmo teclado e a mesma manivela) do que Germán Díaz e David J. Herrington fan uso para interpretar música actual.

O Renacemento e o Barroco baixo a mirada de Andreas Prittwitz
Somos o que vivimos e o que soñamos, isto é, un presente en constante movemento que non pode desprenderse nin dos seus recordos nin os seus desexos. No proceso creativo da música contemporánea moitas veces descubrimos sentimentos da modernidade cos pés fixados no onte porque, xa se sabe, a tradición tamén pode ser vangarda. Así o entende Andreas Prittwitz (Múnic, 1960), un creador capaz de reivindicar tanto as excelencias musicais da cultura renacentista como do jazz improvisado, sen fisuras, sen complexos...

Dende hai uns anos, este saxofonista, clarinetista e exclusivo intérprete da frauta de pico vén entregándose a repertorios afastados para darlles unha nova pel e un pensamento novo. Tras experimentar no seu proxecto Lookingback co pálpito compositor de Chopin e o alento de repertorios renacentistas, este músico alemán afincado dende hai anos en España detense agora en materiais barrocos. En Looking back over the Baroque apóiase nos latexos barrocos de autores de cabeceira aquí representados como Bach, Purcell ou Corelli. Como prolongación da súa outra sublime entrega Looking back over the Renaissance, o timbre da guitarra barroca, o laúde, a viola da gamba e as frautas de pico mídese e enténdese coa sonoridade de instrumentos como o saxofón, o clarinete, a guitarra española ou as percusións para reinterpretar coñecidos anónimos ou a autores como Christopher Simpson, Gaspar Sanz ou Jakob van Eyck. Máis alá do contraste que ofrecen as distintas obras e os distintos autores, e das diverxencias expresivas duns e outros instrumentos, o que define a esta nova viaxe musical de Andreas Prittwitz é un sentimento común de crecemento interior, isto é, dunha reflexión creativa que nos enlaza a esa realidade paralela entre as culturas tradicionais e de vangarda e, como se suxeriu, con linguaxes dunha mesma literatura musical auténtica, verdadeira e, polo tanto, atemporal.

A pluralidade de conceptos e sentimentos musicais non sorprende a ninguén que coñeza minimamente a traxectoria de Andreas Prittwitz, un músico que como solista da frauta de pico colaborou con diversas e reputadas orquestras españolas e europeas, así como con agrupacións de incualificable reputación como Ars Nova ou Atrium Musicae. Do mesmo modo, a súa achega aos universos musicais do jazz, o folk, o pop ou a canción de autor deixaron unha pegada indeleble ao seu paso por aventuras compartidas xunto a artistas como Jorge Pardo, Pedro Ruy-Blas, Serrat ou Sabina. Mención especial merecen as súas incursións no mundo cinematográfico como actor, ou o seu labor como docente.

Misa para a festa de San Francisco de Asís co coro Vox Setellae
Giovanni Pietro Bernardone, nacido na cidade italiana de Asís en 1181 ou 1182 no seo dunha acomodada familia burguesa, pasou á historia como Francisco de Asís, fundador da orde franciscana e da orde das irmás clarisas. Segundo conta a lenda, foi o propio Francisco quen mandou fundar o convento de San Francisco do Val de Deus ao carboeiro Cotolai, durante a súa visita a Compostela en 1214, da que se cumpren agora 800 anos. Este concerto quere ser unha sorte de peregrinación musical desde Italia a Compostela. O himno Decus morum, con texto de Tommaso de Capua (século XIII), harmonizado por Palestrina para alternar co canto plano, presenta a particularidade de rematar cada unha das súas oito estrofas co primeiro verso completo dos himnos máis coñecidos do breviario (Christe Redemptor, Vexilla Regis, Exultet Caelum...).

Do franciscano Tommaso Graziani inclúense dúas composicións que forman parte dos Responsoria in solemnitate Patris Seraphici Francisci (1627), a derradeira obra que compuxo e que supón un achegamento á incipiente estética barroca. Os motetes do sevillano Francisco Guerrero son un exemplo da inventiva e o dominio do contrapunto que o encumiaron como un dos máis senlleiros compositores do seu tempo. Dáse ademais a coincidencia de que o xenio hispalense naceu un 4 de outubro de 1528, festa de San Francisco. Completan o programa dúas composicións gregorianas entre as que destaca o extático Alleluia, Franciscus pauper, con texto extraído do Tránsito de San Francisco, e a Missa Sexti Toni do arquivo da Catedral de Santiago, de autor anónimo, aínda que durante moito tempo foi atribuída a Palestrina, de aí o seu sobrenome de "Missa pseudo-Palestrina".

Compartir: