ALCALDÍA

Agustín Hernández asume a portavocía dun novo Goberno municipal cohesionado e con nove áreas de xestión

09/07/2014 O alcalde compostelán, presentou a distribución por áreas do seu novo equipo de Goberno. Agustín Hernández asume a portavocía dun Goberno municipal composto por nove concellerías: Economía, Facenda, Réxime Interior e Administración Pública, Desenvolvemento Urbano Sostible, Seguridade e Mobilidade, Servizos Sociais, Relacións Veciñais e Medio Rural, Cultura e Patrimonio e Relacións Institucionais.

Agustín Hernández indicou que o seu é un "equipo cohesionado e unido, con persoas preparadas e comprometidas para traballar con rigor e seriedade polos veciños de Santiago". A nova distribución de áreas de goberno, dixo, "ten o obxectivo de aproveitar ao máximo a estrutura do Goberno existente para non provocar tensións nin cambios innecesarios na xestión administrativa nin na vida municipal", a cal, apuntou, "está a funcionar con normalidade".

O novo alcalde asume a portavocía dun Goberno integrado por nove concellerías, unha das cales será a de Economía, na que se integran fomento e promoción económica, comercio, mercados, matadoiro municipal, emprego e turismo. A concelleira Reyes Leis será quen asuma estas competencias.

A Concellería de Facenda terá encomendadas as competencias de orzamentos, compras e subministros e xestión tributaria. "O concelleiro Ramón Quiroga Limia estará á fronte desta área e terá baixo a súa responsabilidade unha das actividades mais importantes que nos debe ocupar de aquí a finais de ano, como é a confección do orzamento do 2105, subliñou Agustín Fernández.

Por outra parte, a Concellería de Réxime Interior e Administración Pública aglutinará as áreas de réxime interior, persoal, informática, contratación, atención cidadá, documentación e arquivo. A súa dirección corresponderá a Manuel Martínez Varela.

Da Concellería de Desenvolvemento Urbano Sostible ocuparase Teresa Gutiérrez López. As áreas asignadas a este Departamento son as de licenzas, disciplina urbanística, vivenda, rehabilitación, xardíns, servizos municipais (auga, saneamento, lixo), cemiterios, brigadas de obras, servizo de mantemento de pavillóns, colexios e garderías e sanidade.

Alejandro Sánchez-Brunete será o responsable da Concellería de Seguridade e Mobilidade, con competencias sobre tráfico, grúa, ORA, Policía, Bombeiros e Protección Civil.

En canto aos [b[Servizos Sociais, María José Corral levará as rendas dunha concellería que inclúe as áreas de familia, educación, muller, igualdade, benestar social, maiores, xuventude, normalización lingüística e deportes.

Na Concellería de Relacións Veciñais e Medio Rural, coordinada por José María Rosende, quedan integradas as áreas de relacións veciñais e medio rural. Estará tamén Luis Meijide como concelleiro de apoio.

A concelleira María Antón será a responsable da Concellería de Cultura e Patrimonio, que integra patrimonio histórico, Camiño de Santiago, cultura, centros socioculturais, festas e actividades recreativas. Ademais, ocuparase das relacións co Consorcio de Santiago e co Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade.

Finalmente, a Concellería de Relacións Institucionais estará a cargo de Ángel Currás. "Ademais, traballará para facilitar unha correcta transición que garanta esa continuidade na xestión á que antes me referín", apuntou o alcalde.

Xunta de Goberno e tenencias de Alcaldía
O novo Goberno municipal, con oito concelleiros con dedicación exclusiva e un con media dedicación, terá tres tenencias de alcaldía. A primeira será para cargo de Teresa Gutiérrez, concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, "posto que baixo a súa responsabilidade estarán moitas das competencias que afectan dun xeito mais directo ao normal desenvolvemento da vida na cidade", explicou. A segunda tenente de alcalde será a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, e o terceiro, o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete.

Ademais do alcalde e dos tenentes de alcalde, conformarán a Xunta de Goberno Local o concelleiro de Réxime Interior e Administración Pública -que será o seu secretario- a de Servizos Sociais, o de Facenda e a de Economía. O voceiro do Grupo Municipal do PP será o concelleiro de Seguridade e Mobilidade.

Agustín Hernández resaltou tamén a "compoñente política que tamén vai ter este novo Goberno local, coas figuras de María Jesús Sáinz e de Marta González, que conservarán os seus escanos no Senado e no Congreso, respectivamente, e farán de enlace co Goberno central para activar e axilizar os grandes temas pendentes nesta cidade que dependen do Estado".

Compartir: