INCENDIOS

Máis de 200 persoas seguen a traballar no dispositivo municipal de loita contra o lume

11/08/2006 Un dispositivo de máis de 200 persoas continúa a traballar para atallar o problema dos incendios no Concello de Santiago. Malia que se ten reducido a incidencia do lume, este dispositivo manterase durante a fin de semana e avaliarase a súa prolongación o luns 14, en función das condicións climatolóxicas e da evolución da situación nos montes composteláns.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou a actuación de tódolos integrantes deste dispositivo e destacou a súa "eficacia, enorme profesionalidade e vocación de servizo". Neste sentido, recordou o seu importante labor para lograr que ata o momento o lume non teña afectado a vivendas e persoas.

A propósito do dispositivo, Sánchez Bugallo recordou que os bombeiros están traballando en tres turnos, en cada un dos cales están operativos entre 30 e 35 persoas. Ademais, a Policía Local está a dobrar as tandas. Dividiuse a zona rural en cinco distritos, cada un dos cales conta cunha patrulla permanente encargada de detectar calquera incendio, situalo e comunicalo aos bombeiros. Ademais, outro retén funciona de maneira continuada.

Tamén Protección Civil está a traballar intensamente, tan no labor de subministro como da eventual colaboración na extinción do lume. A isto hai que unir o traballo de Cruz Vermella e das empresas Cespa, Urbaser e Aquagest. Estas achegan un total de 14 operarios en cada turno e catro cisternas que están a levar a auga ao pé do monte. A estes efectivos hai que unir dúas patrullas do exército, que están a colaborar coa Policía Local na vixilancia do monte.

O alcalde tamén se amosou comprensivo con nerviosismo dalgúns veciños en determinados momentos, pero lembrou que os servizos de extinción teñen que fixar prioridades na súa actuación. "A cada un preocúpalle a súa casa e é comprensible, pero hai que apagar o lume onde este está máis cerca", salientou.

700 hectáreas queimadas

En canto ao balance do queimado ata agora, Sánchez Bugallo indicou que arderon unhas 700 hectáreas, o que supón algo máis do 3% do termo municipal, con especial incidencia nas parroquias de Figueiras e Villestro. Segundo apuntou, os incendios están a afectar fundamentalmente "a parroquias moi poboadas e con hábitats moi dispersos".

O alcalde compostelán tamén se referiu á "intencionalidade criminal" de case a totalidade dos incendios orixinados en Santiago, nos que dixo se constataba claramente "a planificación do acto". A este respecto indicou como dato que a maioría dos incendios comezan no centro das áreas de monte e non na beira dos camiños. "Ademais ¬–dixo- concéntranse fundamentalmente preto de grandes áreas de poboación e das grandes infraestruturas de comunicación".

Xa cara o futuro, non descartou a posibilidade de crear unha oficina para atender aos afectados. Igualmente e cando se teñan avaliado os danos definitivos, o Concello colaborará coa Consellería de Medio Rural para repoboar as áreas afectadas. Sánchez Bugallo tamén fixo unha invitación á reflexión sobre "o descoido dos nosos montes, que vén de anos", e insistiu na necesidade de mantelos limpos.

Finalmente, apuntou que a praga de incendios non está a afectar ao turismo en Compostela no curto prazo. Non obstante, expresou o seu desexo de que "o deterioro que está a sufrir a imaxe de Galicia" non afecte no medio prazo.

Compartir: