TURISMO

Santiago asina con Tanabe un acordo de colaboración en materia de turismo

06/07/2014 O acto central de celebración do X aniversario da declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade tivo lugar este domingo en Tanabe (Xapón), coa sinatura do acordo de colaboración en materia de turismo no Hongu Heritage Center, centro de interpretación do Camiño de Kumano.

No acto, no que se puxo de relevo a importancia do Camiño de Kumano para a cultura xaponesa, realizouse tamén un intercambio de agasallos, símbolo de amizade dentro da tradición nipona, entre o alcalde de Tanabe e a concelleira de Turismo, Reyes Leis. É a primeira vez en mil anos que se autoriza o certificado do templo Hongu – como se coñece este convenio- fóra do seu rito cultural, que ten lugar o 7 de xaneiro.

A colaboración entre Tanabe e Santiago fíxose aínda mais profunda nos últimos tempos, xa que en ambos concellos se quere aproveitar tanto a conexión de Turkish Airlines entre e Santiago e o seu hub de Estambul, que facilita as conexións entre Galicia e Xapón, como a celebración do ano Dual España – Xapon, que celebra o 400 aniversario da primeira misión diplomática nipona que chegou a España e que se converteu nun escaparate para amosar o Camiño de Santiago no país oriental, como demostraron as visitas á Santiago tanto do príncipe herdeiro como do primeiro ministro.

O Camiño de Kumano foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2004. Convertíase así na segunda ruta de peregrinación do mundo en conseguir este recoñecemento despois do Camiño de Santiago, que o obtivera xa no ano 1993. A partir dese momento comezaron as relacións entre Tanabe e Santiago, as cidades de referencia de ambos camiños, que se foron afianzando co tempo e se concretaron en diferentes convenios de colaboración para a súa promoción conxunta.

Compartir: