TURISMO

Compostela participa nun programa de sensibilización ambiental en torno ao Camiño de Kumano

05/07/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, continúa a súa estancia en Tanabe (Xapón), onde este fin de semana se celebran os actos conmemorativos do décimo aniversario da declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade.

Na xornada do sábado, a concelleira acudiu ao centro de peregrinación de Hongu (Camiño de Kumano), onde hai unha exposición sobre a recente visita da delegación de Tanabe a Santiago. Na mesma exponse o convenio asinado entre as dúas cidades.

A continuación, Reyes Leis participou nun programa de sensibilización medioambiental do Camiño de Kumano, Patrimonio da Humanidade, grazas ao cal escolares e poboación local colaboran voluntariamente cargando con sacos de terra que logo usan para cubrir os tramos en mal estado. A edil e o alcalde de Tanabe portaron sacos en dúas viaxes, nun grupo no que tamén había autoridades locais e da Prefectura de Wakayama, empresarios locais e xornalistas de Tokio, Osaka, Tanabe e China.

Despois desta actividade, o grupo realizou un tramo do Camiño de Kumano. Nenos da cidade informaron contaron durante o traxecto diversas historias e mitos en torno a esta ruta.

Xa pola tarde, Reyes Leis desprazouse a unha fábrica de papel, onde tivo a ocasión de realizar varios folios artesanais que este domingo formarán parte da cerimonia de conmemoración do X aniversario. De regreso ao centro de interpretación do Camiño en Hongu, a concelleira mantivo varias entrevistas con medios de comunicación.

A última actividade da xornada foi unha cea con diversos actos culturais en torno ao programa do X aniversario. Acudiron políticos e persoeiros relevantes da provincia e do país nipón. No transcurso da cea proxectáronse fotos da visita da delegación de Tanabe a Santiago.

Compartir: