CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa este sábado no Festival Via Stellae

04/07/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participa na IX edición do festival de música clásica Via Stellae, que se está celebrar en Santiago de Compostela. A orquestra actúa este venres, ás 20:30 horas no Teatro Principal, e o sábado farao, tamén ás 20:30 horas, no Hostal dos Reis Católicos, no Patio de San Xoán.

O concerto do sábado estará dirixido polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Real Filharmonía de Galicia. Actuarán músicos das seccións de corda e vento da orquestra.

Durante a actuación interpretaranse obras de xuventude de dous compositores nas que se deixa ver o xenio de ambos. Trátase, por un lado, dunha serie de tres divertimentos para corda que o compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791) escribiu en Salzburgo. Son tres pezas de salón de carácter galante: Divertimento en Re maior, Divertimento en Si bemol maior e Divertimento en Fa maior.

Por outro lado, os músicos da Real Filharmonía de Galicia achegarán ao público a Suite en Si bemol maior do compositor Richard Strauss (1864-1949). É unha suite para trece instrumentos de vento, unha faciana moito menos coñecida que a de compositor de óperas e poemas sinfónicos do músico alemán.

O Festival Via Stellae é unha iniciativa do Concello de Santiago e Xunta de Galicia, un certame que se celebra en diferentes espazos do casco histórico compostelán. Durante preto dun mes a cidade énchese de música antiga e barroca, que se compaxina con épocas e xéneros musicais diversos, interpretados por artistas de distintos perfís e procedencia.

Direcciones relacionadas



Compartir: