CIDADE HISTÓRICA

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente novas obras en edificios do ámbito da cidade vella

04/07/2014 A Comisión Asesora do Patrimonio histórico celebrou unha nova sesión, na que informou favorablemente dúas novas obras no ámbito da cidade vella; a rehabilitación dun edificio de vivendas na rúa Xelmírez e a reparación da cuberta do Pazo de Monroi, na rúa do Vilar.

Na sesión deuse o visto bo á rehabilitación dun edificio de vivendas situado no número 28 da rúa Xelmírez, cun orzamento de execución material de 38.643 euros. Trátase de obras de rehabilitación no inmoble para a reposición da legalidade, grazas ás que se modificarán elementos de fachada (substitución de carpinterías de aluminio por outras de madeira, eliminación de escudos de pedra de nova factura...). Tamén se reestruturará a planta ático da edificación e a distribución interior da vivenda para adaptala á normativa do plan especial.

A Comisión autorizou igualmente as obras de reparación de cuberta no Pazo de Monroi, na rúa do Vilar, 18, nun edifico que está catalogado co nivel 2 de protección. O orzamento da obra é de 515 euros e un prazo de execución dun día. As obras consisten na realización de labores de limpeza do canlón e a gárgola da fachada principal, así como na revisión das últimas fiadas de tellas e os encontros dos beirados da cuberta cos canlóns de recollida de augas, que provocan a filtración de humidade ao interior do edificio.

Tamén no Casco Histórico, permítese a instalación dunha plataforma elevadora no edificio de vivendas da rúa da Caldeirería, 30-32, cun orzamento de execución material de 6.400 euros. Neste inmoble está proxectada unha intervención de mellora de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Colocarase unha plataforma elevadora vertical, que comunicará a planta baixa co resto das plantas altas e o baixo cuberta do inmoble, pero deixando sen comunicar a planta soto (non se prevé polo tanto a realización de ningunha escavación para foso de ascensor). A plataforma situarase no oco das escaleiras existentes, sen alterar ningún elemento catalogado polo plan especial PE-1.

Finalmente, na sesión aprobáronse varias obras no ámbito do perímetro azul, de reparación de cubertas e de reforma de fachada, e autorizouse unha bandeirola na fachada do Pazo de Bendaña (Museo Granell), na praza do Toural, para unha exposición temporal.

Compartir: