TURISMO

Tanabe convida a Santiago ao décimo aniversario da declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade

03/07/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participará este fin de semana nos actos de celebración do décimo aniversario da Declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade, que terán lugar na cidade xaponesa de Tanabe. Foi o propio alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago, quen convidou ao Concello de Santiago a participar nestes actos como convidado especial na súa recente visita a cidade no mes de maio.

O Camiño de Kumano foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2004. Convertíase así na segunda ruta de peregrinación do mundo en conseguir este recoñecemento despois do Camiño de Santiago, que o obtivera xa no ano 1993. A partir dese momento comezaron as relacións entre Tanabe e Santiago, as cidades de referencia de ambos camiños, que se foron afianzando co tempo e se concretaron en diferentes convenios de colaboración para a súa promoción conxunta.

A colaboración entre Tanabe e Santiago fíxose aínda mais profunda nos últimos tempos, xa que en ambos concellos se quere aproveitar tanto a conexión de Turkish Airlines entre e Santiago e o seu hub de Estambul, que facilita as conexións entre Galicia e Xapón, como a celebración do ano Dual España – Xapon, que celebra o 400 aniversario da primeira misión diplomática nipona que chegou a España e que se converteu nun escaparate para amosar o Camiño de Santiago no país oriental, como demostraron as visitas á Santiago tanto do príncipe herdeiro como do primeiro ministro.

O acto central de celebración do X aniversario terá lugar o domingo, nun evento no Hongu Heritage Center, centro de interpretación do Camiño de Kumano. No acto, no que se amosará a importancia do Camiño de Kumano para a cultura xaponesa, farase tamén un intercambio de agasallos, símbolo de amizade dentro da tradición nipona, entre o alcalde de Tanabe e a concelleira de Turismo.

O sábado, o Concello de Tanabe organizou unha ampla axenda de actividades con cobertura mediática para amosar o traballo que realizan tanto no mantemento como na promoción do Camiño de Kumano. Pola mañá visitarase o seu programa de conservación do Camiño, un programa de voluntariado no que é a propia xente que rechea con terra os tramos que están en mal estado.

A continuación, o grupo fará un pequeno tramo do Camiño de Kumano, no que farán de guías un grupo de estudantes de instituto, que participan nun programa municipal de guías que pretende non só amosar o Camiño aos visitantes, senón tamén involucrar no seu coñecemento e coidado á propia poboación moza de Tanabe. Pola tarde visitarase un obradoiro de confección tradicional de papel xaponés, un arte característico de Tanabe.

Para o Concello de Santiago o convite por parte do Concello de Tanabe é unha mostra da amizade que une a ambas cidades, pero ademais é tamén unha mostra da importancia crecente que Santiago e o Camiño de Santiago teñen para a cultura xaponesa.

Compartir: