CULTURA

Santiago de Compostela e outras 14 cidades españolas, francesas e portuguesas impulsan o Camiño Cultural Atlántico

03/07/2014 O Concello de Santiago subscribirá o próximo día 15 de xullo o Convenio Marco do Camiño Cultural Atlántico, concibido como unha ruta costeira entre o sueste de Francia, Norte de España e Norte de Portugal no que se integrarán 15 cidades: Burdeos, Bayona, Biarritz, San Sebastián, Bilbao, Santander, Gijón, Oviedo, Avilés, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Braga, Gimaraes e Porto. Así o anunciou o alcalde compostelán, Ángel Currás, nunha rolda de prensa na que valorou o "grande alcance" desta proposta.

Trátase dun corredor costeiro que concentra cidades con infraestruturas culturais, patrimonio e programacións culturais de primeiro nivel. Esta ruta costeira, que terá personalidade propia, contará cun gran potencial para posicionarse a nivel internacional como espazo de referencia dentro de Europa vinculado aos itinerarios culturais e turísticos.

Desta forma, as cidades adheridas ao Camiño Cultural Atlántico, entre elas Santiago, traballarán de forma conxunta en iniciativas de promoción e en proxectos comúns culturais de carácter internacional.

O convenio non leva consigo obrigas económicas para as cidades participantes, que só colaborarán naquelas actividades nas que acorden participar. Obxectivo fundamental deste acordo é optar tamén a fondos europeos para programas transnacionais.

Este proxecto veu xerándose dende o pasado ano 2013 con diferentes reunións que tiveron lugar en Santander, Oviedo e Gijón, e a través de conversacións entre os alcaldes das cidades que agora se integran neste Camiño Cultural Atlántico. A sinatura do convenio realizarase o próximo 15 de xullo na cidade de Bilbao.

Toma de posesión e fogos do Apóstolo
O alcalde foi preguntado na rolda de prensa pola toma de posesión dos novos concelleiros do Goberno municipal, unha vez comunicada a decisión da Xunta Electoral de non aceptar os recursos presentados. Unha vez se reciban as credenciais dos novos concelleiros, convocarase o Pleno, previsto para a semana que vén.

Tamén informou na súa comparecencia da celebración da primeira mesa de contratación para a adxudicación dos fogos do Apóstolo. Indicou que se presentaron dúas grandes empresas, que xa foron responsables dos espectáculos en anos anteriores.

Compartir: