ALCALDÍA

O alcalde confía nun acordo entre Urbaser e traballadores que evite unha folga do lixo

02/07/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira Reyes Leis, mantiveron unha xuntanza co director xeral de Urbaser (concesionaria do servizo de limpeza e recollida do lixo), Santiago Alonso; co director de zona de Galicia, Julio Gancedo; e cun representante da firma en Santiago, Nemesio López, tras a mantida hai dous días co Comité de Empresa. Tras a mesma, o rexedor expresou a súa confianza en que se alcance unha solución dialogada entre as partes que evite a convocatoria dunha folga que prexudicaría a imaxe da cidade en datas sinaladas deste mes de xullo.

"Solicitámoslle á empresa o cumprimento estrito do contrato vixente da xestión da recollida de lixo na cidade, e esperamos que se poida chegar a un acordo canto antes que evite unha folga nun mes fundamental para Santiago, mes das festas e no que máis visitantes recibe a nosa cidade", indicou Ángel Currás tras a xuntanza. Neste sentido, mostrouse "optimista" e agarda que "na primeira reunión que Urbaser terá mañá co comité de empresa se poida avanzar en solucións e se desconvoque canto antes a folga".

O alcalde puido coñecer na reunión as "diferenzas de criterio" existentes entre as partes, pero espera que "polo ben da cidade, non se chegue a unha situación como, por exemplo, a de Lugo". Por iso, dixo, "pedimos encarecidamente responsabilidade, tanto á empresa como o grupo de traballadores. A peor imaxe de Santiago sería a dunha folga nas rúas, cunha temperatura elevada e con visitantes que levarían unha imaxe de Santiago que non sería a máis axeitada".

Preguntado pola posibilidade de que non haxa acordo e se materialice a folga, Ángel Currás afirmou que "sempre nos poñemos nas dúas situacións, pero prefiro quedarme coa favorable de que se resolva o problema e se anuncie que non haberá folga. Se non fora así, dariamos os pasos necesarios para buscar solucións alternativas".

Compartir: