CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comezan as "Mañás de verán e de xogo" na rede de centros socioculturais

01/07/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira Reyes Leis visitaron os centros socioculturais de Santa Marta e de Conxo, dous dos locais onde se desenvolven durante este mes de xullo as Mañás de verán e de xogo, organizadas pola Concellería de Centros Socioculturais dentro do programa Vive o verán.

No Centro Sociocultural de Santa Marta, as actividades xiran en torno á expresividade e o xogo teatral, mentres que, en Conxo, os nenos e nenas participan nunha viaxe lúdica a través dos contos da literatura popular e universal. Tamén hai Mañás de verán nos CSC de Vite e das Fontiñas. As 120 prazas ofertadas nestes catro centros cubríronse amplamente, precisándose do sorteo para a adxudicación das praza.

Esta oferta complétase no rural coa Mañás de xogo do Local Sociocultural de Nemenzo, destinadas aos rapaces das parroquias de Busto, Nemenzo e Marantes, e cos campamentos organizados polas asociacións veciñais de Figueiras e da Gracia.

A oferta de tempo libre matinal do programa Vive o verán deste ano é de 210 prazas para rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Como novidade deste ano, no caso das Mañás de verán nos centros urbanos ofrécese tamén un servizo de conciliación entre as 8:00 e as 15:00 horas. As actividades realízanse entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Compartir: