CULTURA

Fabio Biondi e Kenneth Weiss interpretan as sonatas para violín e clave de Bach

30/06/2014 Dous dos grandes nomes da corrente interpretativa "historicista", e da música en xeral, dous senlleiros artistas como o palermitano Fabio Biondi e o neoiorquino Kenneth Weiss únense nun concerto monográfico dedicado ás sonatas para violín e clave de Johann Sebastian Bach dentro do Via Stellae. Escritas mentres prestaba os seus servizos en Weimar e Cöthen, estas espléndidas sonatas son un magnífico exemplo da profundidade expresiva e o perfeccionista dominio técnico deste mestre da composición. Poderemos escoitalas este martes 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Salón Teatro.

O musicólogo alemán Johann Nikolaus Forkel escribía en 1802: "Seis sonatas para clave con acompañamento de violín obrigado. Foron compostas en Cóthen e deben incluírse entre as primeiras obras mestras de Bach neste xénero. Son fuxidas dende o principio ata a fin; teñen tamén algúns canons entre o clave e o violín que son sumamente cantables e cheos de carácter. A parte de violín require un verdadeiro mestre. Bach coñecía as posibilidades dese instrumento e escatimábaas tan pouco como facía co clave".

Aínda que podería pensarse que algunhas proveñen de sonatas en trío anteriores, parece evidente que outras foron creadas inicialmente como obras para violín e clave obrigado. Crese que as obras máis antigas –as BWV 1019 e 1015– viron a luz no período de Weimar (1708-1717), pero non deberon presentarse como colección ata os anos de Cóthen, concretamente entre 1720 e 1723. Dende o punto de vista instrumental son pezas dunha gran modernidade, unha serie de seis obras que forman un conxunto cohesionado, organizado e planificado, un intento de aproveitar ao máximo as posibilidades dunha determinada forma musical...

Formalmente, esta serie inclínase polo esquema de sonata da chiesa en catro movementos (lento-rápido-lento-rápido), salvo a Sonata núm. 6 BWV 1019, que tras complexos cambios rematou cun esquema dificilmente clasificable. A pesar de manter a forma da chiesa, deslízanse aires de danza, como o siciliano inicial da BWV 1017 ou a giga que pecha a sexta. Posiblemente, o máis rompedor e interesante destas obras é a liberdade e diversidade da relación entre o clave e o violín que facilitan unha combinación de todas as opcións imaxinables para chegar a unha concepción da sonata afastada do esquema básico de "melodía acompañada". Isto e a lóxica tonal da serie outórganlle a súa enorme pluralidade, a pesar da uniformidade do modelo formal; variedade que non traizoa a coherencia do conxunto.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Venda de entradas e prezos
O prezo deste concerto é de 8 euros e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Direcciones relacionadas



Compartir: