XUNTA DE GOBERNO

Iníciase expediente sancionador á empresa responsable da xestión das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas

26/06/2014 A voceira da Xunta de Goberno Local, Reyes Leis, comunicou que, á vista do informe da Xefatura de Servizo de Contratación e a proposta da concelleira de Educación, a XGL acordou iniciar o expediente sancionador á empresa CLECE pola presunta infracción do artigo 25.b do prego de cláusulas administrativas particulares do Servizo de Xestión das Escolas Infantís de Conxo e Fontiñas.

O devandito artigo tipifica como infracción grave o "incumprimento das condicións de execución establecidas neste prego, na oferta do adxudicatario, nas ordenanzas municipais aplicables e demais normativa aplicable salvo que tivesen o carácter de moi grave". Esta infracción considerada grave podería ter unha sanción de entre 3.005,06 e 9.015,18 €. Darase un prazo de 15 días hábiles á empresa para que presente as alegacións que estime pertinentes unha vez recibida a comunicación deste procedemento.

O Concello continúa así co procedemento sancionador, malia o pronunciamento da Fiscalía respecto a denuncia dun particular, arquivando as dilixencias por non atopar indicios de delito. Cómpre lembrar que o informe de Educación constatou incumprimentos da empresa en materia de persoal e comunicación.

Compartir: