CONSORCIO

O Consorcio conclúe a segunda fase da restauración das reixas da fachada principal do convento de Santa Clara

25/06/2014 Acaba de rematar a segunda fase da intervención no enreixado das ventás da fachada principal do convento de Santa Clara. O obxecto das obras, promovidas polo Consorcio, era resolver as deficiencias existentes, pois boa parte das reixas estaban bastante deterioradas, algunhas mesmo con risco de caer á rúa. O orzamento global dos traballos de restauración ascendeu a 37.902 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio que coordinou as obras, Idoia Camiruaga, explica que "o convento de Santa Clara, de gran valor patrimonial, presenta problemas nos enreixados das ventás de todas as fachadas. Pero especialmente importante é a fachada principal, polo perigo de desprendemento dalgunhas das pezas á rúa de Santa Clara". A arquitecta sinala que as reixas estaban corroídas, en particular nos seus engarces na pedra. Tiñan notables mermas de sección, que nalgúns casos non aseguraban a suxeición, co risco de caída que isto comporta.

"Debido a que as reixas estaban unidas á pedra con chumbo, a súa durabilidade foi moi alta. Non obstante, o ferro das garras remata co paso do tempo e debido á intemperie por xerar óxido, o que provoca un considerable aumento do volume que non pode ser absorbido polo chumbo e que pode chegar a provocar a rotura da pedra", indica a arquitecta .

Ademais da posible caída dalgunha das reixas, algúns ocos das ventás presentaban fendas ou roturas que poderían producir o desprendemento da pedra. Así, nalgunhas ventás foi necesario actuar tamén nos recercados de pedra, coa substitución dalgunha peza.

Reixas reparadas no obradoiro dun ferreiro
O proxecto abordou as actuacións precisas para atallar os diferentes problemas que presentaba o enreixado. En primeiro lugar, retiráronse as reixas de forxa das ventás, con coidado de non danar nin as partes en bo estado nin a pedra, e enviáronse ao obradoiro do ferreiro para a súa limpeza, eliminación de óxidos e reparación. Ademais da limpeza total da súa superficie, aplicáronselles varias mans de imprimación antioxidante e pintura.

Ao mesmo tempo, saneouse o recercado de pedra onde ían engarzadas as reixas, coa reparación ou substitución das pezas en mal estado por outras con características similares ás das orixinais. Finalmente, preparáronse os ocos das garras con chumbo fundido para recibir as reixas recuperadas, co fin de garantir a durabilidade das mesmas.

Compartir: