ALCALDÍA

O alcalde compostelán asume de novo as súas funcións ante a situación creada polos incendios

09/08/2006 Xosé A. Sánchez Bugallo asume de novo as súas funcións como alcalde ante a situación de emerxencia que está a vivir a cidade por mor dos incendios forestais. O rexedor compostelán decidiu interromper as súas vacacións para poñerse á fronte do dispositivo posto en marcha dende o Concello para responder a este problema.

Sánchez Bugallo participou xa na reunión diaria de coordinación entre responsables municipais, da Policía Local, de Protección Civil, dos Bombeiros e de Cruz Vermella. Na mesma insistiuse no chamamento á tranquilidade e púxose de manifesto que os operativos postos en marcha están a funcionar con eficacia. Estas reunións continuarán ata que se normalice a situación nos montes de Compostela e comarca.

Na xuntanza avaliouse a situación de emerxencia que, ao igual que o resto de Galicia, viven as masas forestais de Santiago, derivadas da existencia de distintos focos de lume no termo municipal. Neste sentido, insistiuse na necesidade de seguir na máxima alerta e de non baixar a garda, sobre todo debido ás condicións climatolóxicas, cun vento forte do nordés que pode reactivar os diversos focos en calquera momento.

O Concello de Santiago ten disposto un amplo operativo. Están mobilizadas sete patrullas de Policía Municipal percorrendo as distintas parroquias do termo municipal, con tres funcións fundamentais: a da detección dos focos de lume e aviso ao operativo anti-incendios, a de contribuír á vixilancia das zonas e a de organizar aos veciños. Tódolos núcleos teñen vixilancia 24 horas.

Así mesmo, sete unidades de bombeiros están a actuar nas áreas afectadas polo lume, sufocando os existentes e evitando o perigo para as persoas. Para o desenvolvemento das súas tarefas, ademais de Protección Civil, Bombeiros e Cruz Vermella, contan coa colaboración das empresas Urbaser, Cespa e Aquagest.

Desde o Concello recoméndase aos cidadáns que teñan sempre a man os teléfonos da Policía Local, de Protección Civil e de Bombeiros, aos que se debe recorrer ante calquera emerxencia.

POLICIA LOCAL: 092
PROTECCIÓN CIVIL: 112
BOMBEIROS: 080

Compartir: