CENTROS SOCIOCULTURAIS

Conxo celebra o San Xoán cunha xornada chea de actividades culminada por unha gran cacharela con meiga incluída

20/06/2014 O barrio de Conxo organiza unha nova edición do seu tradicional San Xoán. A celebración terá lugar dende a tarde ata ben entrada a noite do 23 de xuño na praza do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. O calendario de actividades foi presentado en rolda de prensa pola concelleira Reyes Leis e membros da Coordinadora de Festas Tradicionais do Barrio de Conxo.

Un ano máis, a Coordinadora de Festas Tradicionais do Barrio de Conxo pon en marcha a celebración do San Xoán, para todas as veciñas e veciños do barrio de Conxo, pero tamén para calquera persoa que queira sumarse á festa. As actividades comezarán ás 18:30 horas cun roteiro por diferentes lugares do barrio, guiado por un biólogo na procura das herbas de San Xoán. Poderán participar os que se inscriban previamente no Centro Sociocultural ata completar as prazas dispoñibles.

Logo, ás 19:00 horas, na praza de Aurelio Aguirre, xogos populares para todos. En torno ás 21:30 horas comezará a tradicional sardiñada.

Dende as 22:00 horas, contaremos coa animación do grupo de gaiteiros da Asociación de Música Tradicional de Conxo e, por suposto, coa posta do sol prenderase a cacharela, na que se queimará a meiga elaborada pola rapazada do barrio para a ocasión.

A sardiñada estará complementada por servizo de bar e pulpería, aberto dende as 14:00 horas. E como novidade respecto a anteriores edicións, este ano celebrarase contra o final da noite un sorteo de dous reloxos deportivos.

Tamén este ano, como nos anteriores, haberá unha pequena cacharela infantil para permitir que tamén os máis pequenos da casa poidan espantar o meigallo.

Compartir: