FACENDA

A mellora das condicións financeiras do préstamo ICO permitirá ao Concello un aforro de 745.000 euros

20/06/2014 Coa adhesión a dous programas promovidos polo Ministerio de Facenda, o Concello conseguiu a mellora das condicións do crédito ICO que ten subscrito, o que permitirá a redución do interese do devandito préstamo do 5,939% ao 4,07%. Isto permitirá ao Concello aforrar 745.660,76 euros.

Dende a Concellería de Facenda lémbrase que a resolución de 13 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local, pola que se dá cumprimento ao Acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, de 24 de abril de 2014, permite a modificación de determinadas condicións financeiras das operacións de endebedamento subscritas con cargo ao mecanismo de financiamento para o pago aos provedores das entidades locais.

O máis beneficioso para o Concello de Santiago é a opción da redución máxima do diferencial aplicable sobre o Euribor a tres meses. Deste xeito, o tipo de xuro de 5,939% que figura no contrato de préstamo formalizado o11 de maio de 2012, reduciríase ao 4,07%. Isto sería o resultado de reducir o diferencial en 140 puntos básicos (o diferencial contratado de 5,25 baixaría ao 3,85), sumado ao Euribor referenciado a tres meses, que neste trimestre é do 0,22. Tradúcese nun aforro total de 745.660,76 euros.

A solicitude de modificación das condicións financeiras das operacións de endebedamento subscritas, esixe o cumprimento de dúas condicións. Por un lado, o Concello adhírese automaticamente ao Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración Xeral do Estado, de acordo co previsto na Lei 25/2013, de 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no Sector Público. Por outro, a Administración local tamén se suma á plataforma "Emprende en 3", prevista no Acordo do Consello de Ministros para impulsar e axilizar os trámites para o inicio da actividade empresarial de 24 de maio de 2013.

Con estas medidas séguese avanzando nas actuacións para facilitar a creación de empresas, obxectivo, entre outros, co que xorde a iniciativa lexislativa que culmina na Lei 12/2012, de 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos. A devandita lei recoñece a imperiosa urxencia de substituír, no posible, estas cargas administrativas por outros procedementos de control menos gravosos, garantindo, en todo caso, o cumprimento da normativa vixente.

Neste sentido, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, en colaboración cos Ministerios de Presidencia, de Industria, Enerxía e Turismo e de Economía e Competitividade e en coordinación coa Federación Española de Municipios e Provincias, desenvolveu un proxecto de simplificación administrativa denominado "Emprende en 3" para as Entidades Locais que desexen adherirse ao mesmo. Este programa inclúe, por unha banda, a fixación do modelo electrónico de declaración responsable de acordo coa citada Lei e, por outro, unha plataforma electrónica que posibilita a tramitación electrónica das declaracións responsables daqueles emprendedores, empresarios ou titulares de actividades económicas ou empresariais que desexen iniciar a súa actividade ou trasladar o seu negocio, así como a integración automática desta tramitación coas plataformas xa existentes para a creación de empresas.

Non será necesario adoptar condicionantes adicionais por parte do Concello. Así, será válida a confirmación do Plan de Axuste xa valorado favorablemente polo Ministerio na primeira fase, sen necesidade de elaborar un novo.

Compartir: