INCENDIOS

O alcalde en funcións, Francisco Candela, chama á tranquilidade ante os incendios

08/08/2006 Os responsables municipais e da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella mantiveron unha xuntanza esta mañá para abordar a situación que vive Santiago por mor dos incendios. Todos coinciden en sinalar que os operativos postos en marcha están funcionando con eficacia e segundo os protocolos previstos nestes casos. Estas reunións de coordinación terán carácter diario e manteranse ata que a situación se normalice nos montes de Santiago e comarca.

O alcalde en funcións, Francisco Candela, fai un chamamento "á tranquilidade dos veciños das zonas afectadas, posto que hai un operativo contra incendios velando pola súa seguridade e dos seus fogares". Tamén lembrou que este dispositivo está acompañado doutro de atención sanitaria, preparado para intervir no caso de que sexa necesario.

Candela amosouse comprensivo coa situación de nerviosismo que viven moitos veciños ante a proximidade do lume ás súas casas, pero lembroulles que "hai un equipo de profesionais preparado para atender este tipo de continxencias e para valorar as actuacións necesarias en cada momento". Neste sentido, salientou que son moitos os focos que hai que atender nos últimos días. Así mesmo, fixo unha chamada á colaboración cidadá para que "axuden ás forzas de seguridade na tarefa de achar aos culpables".

Desde o Concello recoméndase aos cidadáns que teñan sempre a man os teléfonos da Policía Local, de Protección Civil e de Bombeiros, aos que se debe recorrer ante calquera emerxencia.

POLICIA LOCAL: 092
PROTECCIÓN CIVIL: 112
BOMBEIROS: 080

Compartir: