CULTURA

Resonet inaugura a 9ª edición do Via Stellae

19/06/2014 O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival inaugúrase este venres 20, ás 20:30 horas, no Convento de Santa Clara, con Resonet. Nesta edición haberá 23 concertos, que se celebrarán ata o 15 de xullo.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, encherase de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

Resonet contribúe, no ano do seu 25º aniversario, á celebración do 8ª centenario da peregrinación a Compostela de San Francisco de Asís, quen chegou a Santiago como un peregrino máis, acompañado de frades e amigos, en 1214. Cantos que naceron na Italia de comezos do século XIII e directamente relacionados coa orde franciscana (as Laude), cantos ibéricos (Cantigas de Santa María, Códice Calixtino), cantos doutros peregrinos… danse a man nun programa no que non faltan humildade e solemnidade.

A música na viaxe de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela
San Francisco de Asís chegou a Santiago, como un peregrino máis, no ano 1214. Con el viñeron outros frades e persoas amigas que compartían as ideas do que sería a innovadora orde mendicante dos franciscanos. Na equipaxe destes peregrinos pobres viñan os seus cantos que, entoados na súa lingua, servían para comunicar as súas ideas relixiosas, para animar as paradas, para dar forzas no camiño e mesmo para compartir os duros momentos da peregrinación. As laudas (Laude) son os cantos que naceron en Italia nos inicios do século XIII e que están relacionados directamente coa orde franciscana. Estes cantos son a base deste programa. Pero tamén estarán presentes os cantos ibéricos máis relacionados coas laudas, as Cantigas de Santa María. Tamén os cantos doutros peregrinos como a canción alemá "Wer das Ellend bauen will" (Quen queira construír a pobreza), que escoitarían os peregrinos franciscanos no Camiño, así como as músicas que soaban no templo de Santiago á súa chegada, como as do Códice Calixtino. Ademais escoitaremos pezas de épocas inmediatamente posteriores moi influídas pola corrente franciscana e que fan referencia á peregrinación, como o "Povero Pellegrin" (Pobre peregrino), de Niccolò da Peruggia, ou "Un pellegrin uccel" (Un paxaro peregrino), de Paolo da Firenze.

E como especial achega, unha adaptación de Fernando Reyes do famoso texto de San Francisco Cantico di Frate Sole (Cántico do Irmán Sol), con material musical do Laudario Magliabechiano 18, xa que a música orixinal, tamén de San Francisco, non se conserva. Esta selección, que titulamos Povero Pellegrin, achegaranos a través da música, indubidablemente a canle máis eficaz, o espírito do peregrino Francisco aos nosos días, co estilo ao que nos ten afeitos Resonet, combinando o rigor na interpretación coa inherente orixinalidade creativa que precisa toda interpretación musical. Desta maneira Resonet, no ano do seu 25º aniversario, contribuirá ao mesmo tempo solemne e humildemente á celebración do 8ª centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela.

Resonet
Resonet formouse en 1990 en Santiago de Compostela, baixo o impulso do laudista Fernando Reyes, quen dirixe o grupo, e a soprano Mercedes Hernández, tomando o seu nome dunha peza do Códice Calixtino. Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa. Ofreceu numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios de toda Europa, e dedica grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago. Gravou os compactos La Grande Chanson: cancións dos peregrinos de Francia, s. XVII; Santiago: música e peregrinacións no Renacemento; Les Pellerines: a moda da peregrinación en Francia, s. XVII; Il Pellegrino: a viaxe de Cosme III de Medici, 1668, Canto de Nadal; Cantares Gallegos-Rosalía de Castro; Canto de Ultreia: Codex Calixtinus - Cantos de peregrinos: Músicas para as festas de Santiago, s. XII; Festa Dies, músicas para a consagración da Catedral de Santiago, 1211 e A Peregrina, cantos e romances nos camiños de Santiago.

Venda de entradas e prezos
Dos 23 concertos do programa só serán de pago seis, cuns prezos de 6 ou 8 euros. O resto será con invitación que haberá que retirar previamente, agás o da praza da Quintana, que será de entrada libre. Ademais, para 5 deses 6 concertos de pago haberá un abono a un prezo de 30 euros. O de Resonet é con entrada de balde previa retirada de invitacións.

A retirada de invitacións para os concerto de balde e a venda de entradas pode facerse no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00h. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443.

Compartir: