XUNTA DE GOBERNO

Autorizadas 267 cacharelas públicas e privadas para a celebración do San Xoán

19/06/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, autorizou a celebración dun total de cacharelas, a realizarse entre os días 21 e 23 de xuño, maioritariamente nesta última xornada, noite de San Xoán. Destas fogueiras, 62 son públicas e outras 205 privadas, das que 85 corresponden á cidade e 120 ao rural.

Nestas celebracións é importante lembrar o número dos Bombeiros (080 ou 981 542 444) e da Policía Local (981 542 323). Así mesmo, ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e deberán limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible non superará os tres metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será seis metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

Mellora crédito ICO
En materia económica, deuse conta das condicións do crédito ICO subscrito polo Concello. Tal como indicou a voceira da Xunta de Goberno, Reyes Leis, para a mellora destas condicións, o Ministerio de Facenda require que o Concello se adhira á plataforma electrónica Emprende 3 e tamén a adhesión ao Punto Xeral de entrada de facturas da Administración Xeral do Estado.

Coa adhesión a estes dous programas o Concello consegue a mellora das condicións do crédito ICO, o que permitirá a redución do interese do préstamo ICO do 5,939% ao 4,07%, o que suporá un importante aforro para o Concello.

Hortas urbanas
Na sesión tamén se aprobou un novo prazo para a presentación de solicitudes de renovación das hortas urbanas. O trámite poderá realizarse entre o 23 de xuño e o 7 de xullo.

Obras na praza de Abastos
A Xunta de Goberno aprobou igualmente a addenda ao convenio da praza de Abastos co Ministerio de Fomento, que permitirá, unha vez se asine o devandito acordo, reanudar as obras pendentes neste espazo.

Con esta addenda, a anualidade para 2014 queda cun orzamento de 2.260.854,54 €, distribuído da seguinte forma: Ministerio de Fomento, 1.345.802,53 €; Consellería de Economía, 343.413,08 €; e Concello, 571.638,93 €.

Mellora de vieiro en Bando
Outro dos asuntos tratados foi a adxudicación das obras incluídas no proxecto modificado de mellora e acondicionamento dun vieiro no Castro (Bando), incluídas no POS 2013 da Deputación da Coruña. A obra executarase por 29.318 euros (IVE incluído). A esta obra presentáranse 11 empresas e tiña un tipo de licitación de 33.668 euros máis IVE.

Axudas para reforma de locais
No ámbito do comercio, aprobouse a convocatoria de axudas para a reforma de locais de negocio e a incorporación de maquinaria e equipos para a implantación de tecnoloxías da información e a comunicación, incluída no programa Urbana Santiago Norte 2014. Esta iniciativa conta cunha liña orzamentaria de 35.000 euros.

Bolsas de comedor
Finalmente e en paralelo á apertura do prazo de matrícula nos servizos de comedor escolar, aprobáronse as bases reguladoras das bolsas de comedor escolar para o curso 2014/2015, nas súas modalidade de asistencias e de conciliación, para o que se disporá un orzamento de 87.500 euros.

Compartir: