MERCADOS

O Mercado de Abastos acolle a presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo

19/06/2014 O Mercado de Abastos de Santiago acolleu a presentación da Festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, que se celebrará entre o 3 e o 7 de xullo. A presentación supuxo tamén a inauguración dunha mostra sobre a Rapa das Bestas, que poderá visitarse gratuitamente no Mercado de Abastos ata o próximo 7 de xullo, de luns a sábado.

Non se sabe con certeza cando o pobo de Sabucedo comezou a relacionarse coas bestas, aínda que a xente do lugar segue mantendo a orixe da Rapa nunha lenda oral que di que houbo unha peste que devastou a bisbarra. Ante esta situación dúas irmás da aldea ofrecéronlle a San Lourenzo dúas bestas se as defendía do mal.

Mentres durou a peste as dúas irmás refuxiáronse nunha cabana afastada da aldea. Cando pasou a enfermidade, que non afectou ás dúas irmás, doáronlle as bestas á Igrexa. O cura e os veciños coidáronas unha tempada, pero cando comezou a crecer a poboación decidiron liberalas no monte e unha vez ao ano baixalas para rapalas.

Neste ano haberá tres Rapa das Bestas: o sábado 5 de xullo ás 19:00 h; o domingo 6 ás 12:00 h, e o luns tamén ás 12:00 horas. Esta última Rapa terá carácter solidario. O programa completo pode consultarse en www.rapadasbestas.es. Nesta web tamén se poden mercar as entradas por anticipado. Tamén se poden reservar no Concello da Estrada, no Departamento de Cultura e na Oficina de Turismo.

A presentación estivo presidida polo alcalde do Concello da Estrada, José Carlos López, quen destacou os lazos que unen ao Concello pontevedrés co Concello de Santiago e destacou a estreita colaboración que se está a desenvolver entre os concellos de Área Santiago para a súa promoción turística conxunta.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Mercados de Santiago, Reyes Leis, agradeceu ao alcalde da Estrada que escolleran o Mercado de Abastos tanto para presentar a Festa da Rapa das Besta como para ubicar a exposición sobre esta festa tradicional. Segundo a concelleira, esta selección é un exemplo máis da capacidade que ten o novo espazo Gastrocultural do Mercado de Abastos para converterse nun referente para múltiples presentacións gastronómicas e festivas galegas.

Compartir: