UMAD

Cita na Sala Capitol co rapeiro ToteKing nun novo concerto sen alcohol

19/06/2014 O Concello, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) organiza, en colaboración coa Sala Capitol, un novo concerto sen alcohol. Será este venres 20 de xuño a partir das 21:00 horas e o protagonista será o rapeiro andaluz ToteKing.

Fronte ao binomio xuventude e alcohol tan presente na publicidade actual, o Concello aposta pola conxunción de xuventude e diversión, considerando o alcohol como un elemento non necesario para o ocio. Este tipo de concertos pretende igualmente animar ao sector hostaleiro a programar accións deste tipo, realizando máis actividades sen alcohol neste formato e en determinados horarios.

Nesta ocasión optouse por facer unha única actuación, de grande impacto entre os mozos de 16 a 18 anos e nunha data sinalada no seu calendario: o día de fin de curso. Este venres 20 de xuño, dende as 21:00 ás 24:00 horas, os participantes poderán gozar dun concerto de primeira orde na Sala Capitol co rapeiro ToteKing. As entradas teñen un prezo popular, 5 euros, e no concerto non haberá ningunha clase de bebida alcohólica, nin publicidade nin promoción da mesma.

Estas accións son financiadas cunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados, destinados a promocionar lecer alternativo ao consumo de substancias estupefacientes. Así pois, o 70% do custo das actividades está subvencionado. O orzamento total é de 8.113 euros, dos que o Concello achega 2.433 euros.

Documentos relacionados



Compartir: