COMERCIO

O pequeno comercio xa ten o seu Paseo das Estrelas en Xeneral Pardiñas

19/06/2014 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, inaugurou o Paseo das Estrelas, no que figura o nome dos comercios premiados no programa Santiago Comercio de Cine. Sitúase na rúa Xeneral Pardiñas (tramo comprendido entre Montero Ríos e República do Salvador) e pon en valor estes establecementos nunha rúa moi transitada da cidade e con gran vocación comercial.

Os comercios cunha estrela neste Paseo son os galardoados na última edición do programa Santiago Comercio de Cine. Indícase o nome do establecemento e a categoría na que resultaron gañadores. É o caso do supermercado El Dubrés, gañador na modalidade de Comercio Veterano. Fai máis de 40 anos que están na Acibechería nº 8 servindo a toda persoa que entre pola porta, e sempre co agarimo e o mellor sorriso por parte dos donos, Baldomero e Mucha, e dos seus empregados. Aberto tódolos días da semana, dende moi cedo ata noite cerrada, aquí un pode dende tomarse un pincho de tortilla recén feita por Mariló ata mercar unha botella de viño, una leituga do país ou unha lata de atún. Os clientes son os de toda a vida, aínda que tamén se pasan polo Dubrés estudantes e peregrinos. El Dubrés é un comercio de cine, xa que xunta os requisitos fundamentais: bo servizo, mellor produto e pura tradición galega.

No apartado de Comercio innovación a estrela é para Nippon Store, en Fernando III O Santo. Dous mozos composteláns, inauguraron fai dous anos (en marzo de 2012) Nippon Store, unha tenda especializada en produtos de alimentación xaponeses e sushi. Co seu traballo e esforzo puideron sacar adiante o negocio, no que ademais de traer unha ampla variedade de produtos do país do sol nacente (máis de 300), fan talleres para ensinar a xente a facer sushi, e teñen páxina web coa que venden produtos a nivel nacional. Ofertan un trato directo e amable co cliente que é a súa prioridade. Trátase dun negocio novidoso que require dunha atención personalizada.

A Balea Violeta está incluído no Paseo en recoñecemento ao seu premio na categoría Comercio Emprende. Abriu as súas portas en outubro de 2013 na rúa de San Pedro, coa fin de crear un espazo de crianza respectuosa no casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, para atender as necesidades das familias que buscan outros modelos de crianza. Pretende ser unha tenda/espazo amable, para compartir coñecementos, saberes e faceres da nosa experiencia cotiá como nais e pais. A emprendedora, Monse, é emprendedora e nai. É licenciada en Historia e Doutorada en Socioloxía e Antropoloxía Social.

A estrela do premio Comercio Autor loce ligada ao comercio Nuovo Varonni (Montero Ríos, 11). A tenda orixinal, Varoni, nace no ano 1.990. É unha tenda dedicada exclusivamente á moda de cabaleiro. 22 anos despois, no ano 2012, tras a xubilación dos seus fundadores, a boutique é adquirida por Jorge Casais Sampedro (actual dono), cliente da tenda ao igual que a súa familia desde hai anos. Coa nova adquisición, o comercio pasou a chamarse Nuovo Varonni. Traballan con marcas coñecidas internacionalmente, onde a calidade e a elegancia priman por riba de todo.

Na categoría Comercio de Barrio, o primeiro premio foi para a tenda de mascotas e perruquería canina Golfo & Dama (Campo das Hortas, 7), inaugurada o 17 de febreiro deste 2014. Xurdiu como un xeito de reciclarse por parte do seu promotor, Santiago Sotelo (Yago). Durante dez anos traballou como buzo profesional. Amante dos animais, sempre estivo rodeado deles. Sendo un bo amigo dunha familia da Coruña na que tres dos irmás son perruqueiros caninos, comezou a acercarse a esta profesión. Posteriormente formouse na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo a titulación de perruqueiro canino. Completou a súa formación en diferentes cursos de especialización e seminarios de perruquería canina. Golfo & Dama creouse coa ansia de cubrir unha demanda latente especialmente nos barrios das zonas de San Lourenzo, Galeras, Poza de Bar, Carme de Abaixo, Bar, Figueiras, Vista Alegre....Un servizo para o coidado e atención para mascotas, así como un lugar de encontro para os amantes dos animais e de sensibilización e formación sobre os coidados necesarios e as responsabilidades de ter un animal de compañía.

A outra estrela do Paseo é a da categoría Comercio Agarimo, outorgada a La Reina de Saba, unha perfumería a granel situada na Algalia de Arriba. A súa apertura foi o 3 de decembro de 2013. Os seus promotores, Alejandro e Patricia, coñecéronse traballando nunha empresa de publicidade e deseño gráfico durante 10 anos. Despois de quedar sen traballo decidiron apostar polo comercio compostelán abrindo a súa tenda nun lugar tan privilexiado como é o casco histórico. En La reina de Saba pódense atopar perfumes, xabóns, ambientadores, velas aromáticas, frascos vintage... a un prezo moi económico. O trato co público é próximo e moi agarimoso.

Compartir: