MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Continúan os preparativos da última etapa da Volta Ciclista a España

18/06/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira Reyes Leis, mantiveron nunha nova reunión preparatoria da última etapa da Volta Ciclista a España, prevista para o domingo 14 de setembro, co director de Produción da Volta, Pedro Lezaun. Continúa así ultimándose o importante operativo desta contrarreloxo individual de 9,6 quilómetros, con saída da Cidade da Cultura e remate na praza do Obradoiro, pasando por Fontes do Sar, San Lázaro, Amio, Cruceiro da Coruña, praza da Paz, Xoán XXII e San Francisco.

O evento requirirá un depregamento de medios municipais importante, tanto para atender a participantes e turistas como a profesionais da comunicación acreditados para cubrilo. Espérase que mil xornalistas se acheguen ata a Santiago para facer chegar a etapa a máis de 178 países. Deste xeito, as tres quendas da Policía Local veranse reforzados ata chegar aos 40 efectivos nos días previos á etapa, nos que tamén haberá actividades promocionais, e aos 75 na propia xornada do 14 de setembro. Así mesmo estase traballando para habilitar aparcamentos disuasorios que faciliten a mobilidade e o aparcamento.

Esta é a segunda vez na historia que a Volta Ciclista a España remata en Santiago. A anterior fora en 1993, Ano Xacobeo. A cidade foi tamén punto de saída da competición en catro ocasións e nunha ocasión máis foi saída dunha contrarreloxo individual de 7 km que gañou o francés Marc Gómez. Ao día seguinte disputáronse dous sectores de 97 km. Santiago foi meta dunha etapa da Volta en catro ocasións, na última delas en 2007, o gañador foi Óscar Freire. A última vez que a Volta pasou por Santiago foi no pasado ano 2013.

Compartir: