COMERCIO

CONECOM ofrece as claves para o éxito dun proxecto de comercio electrónico

18/06/2014 Santiago de Compostela acolle a terceira Conferencia de Comercio Electrónico de Galicia, CONECOM, que se celebrará este xoves 19 de xuño, a partir das 9:30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións. O Concello colabora un ano máis con esta iniciativa, na que a inscrición é gratuíta.

A artesanía, a agricultura, a industria e mesmo a cultura teñen gran potencial de comercialización, pero en moitos casos hai un descoñecemento das posibilidades que lles ofrece o comercio electrónico. Por iso, CONECOM ten por finalidade formar e dar as ferramentas de traballo ás Pemes e as novas iniciativas empresariais no comercio electrónico para así crear un sector competitivo e fortalecer o tecido empresarial galego.

CONECOM tratará temas fundamentais para o correcto desenvolvemento dun proxecto de comercio electrónico a través de diversos relatorios, mesas redondas e talleres de traballo, dende as 9:30 ata as 20:00 horas. Así, as sesións formativas comezarán cunha introdución ao comercio electrónico, para seguir cun relatorio sobre as técnicas para chegar ao consumidor. A xornada de mañá rematará coa exposición dunha experiencia persoal e cunha mesa redonda na que participarán os artífices de varios proxectos innovadores na materia.

Xa pola tarde, debaterase sobre outros proxectos de éxito nunha nova mesa redonda, para seguir logo cun relatorio sobre a elección dos profesionais axeitados para o proxecto e sobre a optimización dos recursos. As sesións expositivas pecharanse cunha intervención sobre as ferramentas para chegar ao obxectivo final da tenda en liña: a conversión das visitas en vendas. Esta terceira edición de CONECOM concluirá con dous talleres de traballo: un sobre prestashop e outro sobre os boletíns de correo.

Os asistentes a esta Conferencia de Comercio Electrónico de Galicia entrarán no sorteo dunha tenda en liña de balde, con dominio, aloxamento, asesoría, deseño e desenvolvemento a cargo das empresas participantes.

A inscrición ao programa é gratuíta. Pode facerse a través da páxina www.conecom.es, onde pode consultarse tamén toda a información do evento.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: