URBANISMO

O Concello instalará un sistema de bombeo de pluviais na praza da Capela de San Xoán (Pelamios) para evitar inundacións

17/06/2014 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, reunida na Capela de Urbanismo, no Pazo de Raxoi, aprobou a instalación dun sistema de bombeo de augas pluviais na praza da Capela de San Xoán, en Pelamios. Preténdese así evitar as inundacións que se veñen producindo nesta praza. Ademais, deuse o visto bo á modificación da sinalización vertical na rúa de San Francisco.

Nas inundacións que veñen producindo na praza da Capela de San Xoán dos Pelamios conflúen varios factores. Por un lado, a fonte existente na praza ten o seu desaugadoiro canalizado directamente ao regato do Corgo, a unha cota moi baixa, dándose a circunstancia de que o nivel da praza coincide case coa cota do regato. Deste xeito, cando sube o nivel do regato, a auga da fonte non ten saída e, ademais, a propia auga do río sobe polo desaugadoiro da fonte, inundando a praza.

A isto hai que engadir o feito de que o regato do Corgo, no seu curso dende Meixonfrío, recolle unha conca moi extensa que, co paso dos anos e coas novas edificacións, se foi impermeabilizando. Na actualidade, recolle moita máis auga de choiva que no pasado, producíndose con maior frecuencia episodios nos que a corrente de auga do regato non é quen de pasar por debaixo da ponte da rúa dos Pelamios, pasando incluso por riba dela.

Para paliar esta situación de inundacións recorrentes, investiranse 9.561 euros, nun prazo de tres semanas, na mellora da rede de saneamento soterrada. Así, instalarase unha válvula anti-retorno na saída por gravidade dende a fonte do atrio da capela, e colocarase unha estación de bombeo para augas pluviais. Esta bomba entrará en funcionamento cando a evocación por gravidade sexa imposible polo nivel das augas do río, impulsando a auga directamente ao regato do Corgo por debaixo da ponte e da rúa dos Pelamios.

Esta actuación completará outras xa acometidas polo Concello na zona de Pelamios para evitar as inundacións. Investíronse anteriormente 22.324 euros na mellora e ampliación dos sistemas de drenaxe.

Nova sinalización vertical en San Francisco
A Comisión tamén deu o visto bo á modificación da sinalización vertical na rúa de San Francisco, co fin de mellorar a imaxe da zona. Procederase á retirada de varios sinais e á súa substitución por outras de menor anchura.

Eliminarase o sinal a carón da Facultade de Medicina indicativo da prohibición de aparcar e da limitación de velocidade a 20 Km/h, e tamén a situada fronte ao edificio do número 30 da rúa de San Francisco, que informa sobre a prohibición do paso de vehículos de máis de 3,5 toneladas.

Ademais, retirarase o actual panel do sinal situado na esquina da Facultade de Medicina, que será substituído por outro de 80 x 160 centímetros con indicación da prohibición de circulación (agás vehículos autorizados) e sinal de dirección prohibida sobre fondo branco.

Finalmente, eliminarase o sinal indicativo de dirección prohibida situado na fachada de Medicina. No seu lugar colocarase un novo panel de 80 x 120 centímetros con prohibición de estacionamento, sinal de limitación de velocidade a 20 Km/h e sinal de prohibición de paso dos vehículos de máis de 3,5 toneladas sobre fondo branco.

Outros asuntos
A orde do día da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico completouse coa autorización de obras menores na cuberta do Colexio de San Agustín, na rúa Virxe da Cerca, 31, e co informe favorable á exposición Picheleiros, do Consorcio de Santiago, permitindo a colocación de bandeirolas nas fachadas de diversos edificios.

Compartir: