EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o fin do curso interpretando unha selección de nanas tradicionais do mundo

13/06/2014 Este venres 13 de xuño, ás 19:00 horas, a Sala Brage do Auditorio de Galicia acolle o festival de fin de curso da Escola Municipal de Música. O evento leva por título Soños da infancia, cun programa integrado por nanas tradicionais de diferentes partes do mundo.

Ao longo dos últimos meses, a Escola Municipal de Música de Santiago amosou en diferentes espazos da cidade o traballo desenvolvido polas agrupacións musicais que integran esta institución musical: Banda, Orquestra de Corda, Agrupación de Música Tradicional e Coros. Máis de 300 músicos de todas as idades son a evidencia de que a educación musical vai incorporando novos públicos e formando a un maior número de cidadáns de Compostela.

Son moitos os santiagueses que promoven o traballo desta escola coa súa presenza nas prazas da cidade, nos centros de infantil e primaria, na rede de escolas infantís municipais, no Paraninfo da USC e na Galería Sargadelos, por citar algunhas das ocasións de encontro cos amantes da música. En todas estas actuacións resulta vital para a formación dos nenos e nenas a participación dos cidadáns.

Nesta ocasión, coa chegada do fin do curso escolar, é o tempo de gozar co traballo conxunto da Escola Municipal de Música. Trátase dun musical que, co título Soños da infancia, ten como fío condutor o libro Mamá, gañador do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, da autora Mariana Ruiz Johnson, convocado anualmente pola Concellería de Educación e a Editorial Kalandraka.

Documentos relacionados



Compartir: