BENESTAR SOCIAL

Un grupo de mozos e mozas formarase durante este verán na dirección de actividades de tempo libre

13/06/2014 O Concello de Santiago a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), pon en marcha un curso de directores de actividades de tempo libre. O curso desenvolverase os días 14, 21, 22, 28, 29 de xuño e 5, 12, 19, 20, 26, 27, 28, 29 e 30 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, no Centro Don Bosco e no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. A actividade ten un custo de 100 euros e conta coa homologación oficial da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

A concelleira Reyes Leis presentou en rolda de prensa este curso, unha actuación, formativa, alternativa ao tempo de lecer, encadrada nos programas de hábitos de vida saudable e prevención do consumo de drogas. Explicou que esta actividade vai dirixida a "todos estes mozos e mozas que dedican o seu tempo libre a formarse".

"Trátase dun curso de alta esixencia en horas teóricas e prácticas (150 de cada unha de delas). Para acceder ao curso, os participantes deben estar en posesión do curso oficial da Xunta de Galicia de monitor de tempo libre", indicou a concelleira. Acompañouna na rolda de prensa o técnico da UMAD Jorge Carballido, que referiu ao efecto "multiplicador" que se pretende crear, xa que "temos a mozos que invisten o seu tempo en formarse nunha actividade específica que ten como obxectivo organizar e dirixir a outros mozos que xa son monitores de tempo libre".

Accións coma esta son financiadas nun 70% do orzamento a través dunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados, que esixen a promoción do ocio alternativo ao consumo de substancias. O custo total da actividade é de 5.050 euros, dos que o Concello achega 1.515 euros. Neste gasto inclúense o propio curso e o servizo de intérprete de lingua de signos, que se realizará a través da Federación Galega de Persoas Xordas, para facilitar o proceso formativo de dous participantes con dificultades auditivas.

Documentos relacionados



Compartir: