XUNTA DE GOBERNO

O Concello investirá 100.000 euros na renovación do pavimento da praza de Galicia

12/06/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de renovación dos pavimentos da praza de Galicia e a mellora da rede de saneamento na rúa do Franco. Tamén se deu o visto bo a obras de mellora do firme no rural e adxudicouse a explotación da cafetería do Parque Eugenio Granell.

En total investiranse 107.000 euros na mellora das beirarrúas perimetrais da praza de Galicia, moi deterioradas polo uso continuado dos últimos anos sen as axeitadas obras de mantemento e conservación, máis que algunhas actuacións de carácter moi puntual. O prazo de execución das obras é de seis semanas

As obras consistirán no levantado do bordo antigo e substitución do mesmo colocándoo á cota axeitada para evitar que os vehículos invadan a beirarrúa; demolición da beirarrúa tanto perimetral da praza coma a que está en contacto coas das rúas que acceden á mesma e reposición con baldosa tipo terrazo nova. Ademais, ensancharase a beirarrúa que une Doutor Teixeiro co Hórreo e instalaranse xardineiras en puntos singulares de confluencia, todo isto atendendo a criterios de accesibilidade. Por último, transformarase en xardín non transitable o illote que separa os tráficos da rúa da Senra e a praza.

Mellora da rede de saneamento na rúa do Franco
Outro dos puntos aprobados foi a memoria valorada do proxecto de mellora da rede de saneamento na rúa do Franco no tramo situado entre a praza e a travesa de Fonseca, onde se viñan producindo inundacións nas xornadas de precipitacións extremas. Investiranse arredor de 8.025 euros nunha obra que conta cun prazo de execución de tres semanas.

O obxecto da intervención é executar unha serie de actuacións que eviten na medida do posible a repetición das inundacións acaecidas no inverno pasado. Proxéctase a mellora da rede de saneamento soterrada actual mediante a instalación dunha nova canalización de PVC liso de 50cm de diámetro, cunha lonxitude de 8 metros, e a construción de 3 novos pozos de rexistro de paso que permitirán a realización dos xiros precisos da canalización.

Cafetería do parque Eugenio Granell
Outro dos puntos tratados na Xunta de Goberno foi a adxudicación da explotación da cafetería situada no Parque Euxenio Granell, no Paxonal. A concesión, por oito anos, implicará o aboamento polos adxudicatarios dun canon de 3.300 euros/ano.

Obras de mellora do firme no rural
Tamén se adxudicaron obras de acondicionamento do firme en varias parroquias do rural compostelán. En concreto, están listas para o seu comezo as actuacións na pista entre Son de Abaixo (A Gracia) a Bargo (A Peregrina), incluídas no POS Adicional /2013 da Excma. Deputación da Coruña. As obras executaranse en tres meses e custarán 27.200 euros.

A mesma empresa será a encargada de executar as obras de mellora e acondicionamento de vieiros nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano, incluídas no POS 2013 da Deputación coruñesa. Neste caso o prezo é de 34.243 euros e o prazo de execución, seis meses.

Plan de Control Tributario
En material de facenda, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Control Tributario 2014, segundo o establecido na Lei Xeral Tributaria 58/2003. Se ben o Plan ten carácter reservado, si se poden facer públicos os criterios xerais de actuación, tales como deseñar e fixar unha política tributaria baseada na equidade e claridade. Tamén se trata de realizar unha xestión tributaria e recadatoria integral, e previr, controlar e loitar contra o fraude e a morosidade.

Ademais, adxudicouse un contrato de préstamo cunha entidade bancaria por valor de 6 millóns de euros, ao ser a oferta máis vantaxosa: Euribor+ 1,79 %.

Premios de vídeo-creación
Finalmente, na sesión ratificáronse os premios do I Concurso de Vídeo-Creación para centros de ensino, que se entregarán nunha cerimonia a celebrar no Concello a partir das 12:30 horas deste venres 13 de xuño. Os gañadores foron:

- Premio Infantil: CEIP A Doblada de Vigo, polo traballo En galego meu mundo é.
- Premio Primaria: CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, polo traballo Consulta médica.
- Premio ESO: IES As Barxas de Moaña, polo traballo A árbore.
- Premio Secundaria Postobrigatoria: IES As Barxas de Moaña, polo traballo Pocoyo?.
- Premio do Público: CEIP A Doblada de Vigo polo traballo, En galego meu mundo é.

Documentos relacionados



Compartir: