ALCALDÍA

O Auditorio de Galicia acolle a presentación de 15 novos proxectos audiovisuais

11/06/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu un grupo de profesionais do audiovisual de Galicia, con motivo da celebración en Santiago este xoves, 12 de xuño, da 8ª edición do pitching "I+P Ideas para producir", organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag). Asistirán máis dunha ducia de responsables de canles de televisión nacionais e autonómicas, axentes de distribuidoras e destacados produtores de todo o país. Nesta edición presentaranse 15 proxectos (once galegos, tres madrileños e un andaluz), que están en distintas fases de produción.

Trátase dun formato de exposición de proxectos audiovisuais e sesións de reunións bilaterais xa consolidado e referente a nivel nacional, que brinda unha excelente oportunidade aos profesionais do sector audiovisual para dar a coñecer os seus proxectos, encontrándose estes en diferentes fases de realización. Neste pitching materializáronse acordos de distribución de producións de grande éxito. Nas edicións anteriores, presentáronse arredor de 200 proxectos, moitos dos cales encontraron viabilidade económica, o que avala a oportunidade de negocio que presenta este formato.

Nesta edición o Clag conta co apoio da Concellería de Turismo, da Xunta de Galicia -a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)- e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Ademais colaboran a Santiago de Compostela Film Commission, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), e patrocina Music Library.

O acto de presentación da oitava edición do "I+P Ideas para producir" terá lugar este xoves 12 de xuño, ás 9:30 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Compartir: