UMAD

O rapeiro ToteKing será o protagonista dun novo concerto sen alcohol

11/06/2014 O Concello, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) organiza, en colaboración coa Sala Capitol, un novo concerto sen alcohol. Será o venres 20 de xuño a partir das 21:00 horas e o protagonista será o rapeiro andaluz ToteKing.

Segundo apuntou en rolda de prensa Jorge Carballido, técnico da UMAD, "débese acometer unha prevención efectiva fronte ao consumo de alcohol por menores". Así, apuntou como dato a última enquisa do Ministerio de Sanidade sobre o tema, que constata que "un 74 % das mozas e mozos de entre 14 e 18 anos manifestan que no último mes consumiron alcohol a pesar de estar prohibido". "Onte mesmo vimos na prensa noticias sobre unha lei de carácter nacional que vai regular estes consumos nos menores", engadiu.

"Fronte ao binomio xuventude e alcohol tan presente na publicidade actual, o Concello aposta pola conxunción de xuventude e diversión, considerando o alcohol como un elemento non necesario para o ocio", indicou o técnico.

Este ano optouse por facer unha única actuación, de grande impacto entre os mozos de 16 a 18 anos e nunha data sinalada no seu calendario: o día de fin de curso. Este venres 20 de xuño, dende as 21:00 ás 24:00 horas, os participantes poderán gozar dun concerto de primeira orde na Sala Capitol co rapeiro ToteKing. As entradas, xa á venda, teñen un prezo popular, cinco euros, e no concerto non haberá ningunha clase de bebida alcohólica, nin publicidade nin promoción da mesma.

Sobre o protagonista da noite, ToteKing, o responsable de programación da Sala Capitol, Antonio Borrazás, afirmou que "conectará moi ben cos mozos e mozas destas idades, pois nas súas letras fala destes temas que lles afectan, incluído o consumo de alcohol ou de drogas, pero con naturalidade e sen facer apoloxía dos mesmos".

Este tipo de concertos –explicou Jorge Carballido- pretende igualmente animar ao sector hostaleiro a programar accións deste tipo, realizando máis actividades sen alcohol neste formato e en determinados horarios. Do éxito desta clase de accións dá conta, por exemplo, a iniciativa de dous locais hostaleiros de Santiago de servir só bebidas sen alcohol na última noite de fin de ano.

Estas accións son financiadas cunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados, destinados a promocionar lecer alternativo ao consumo de substancias estupefacientes. Así pois, o 70% do custo das actividades está subvencionado. O orzamento total é de 8.113 euros, dos que o Concello achega 2.433 euros.

Compartir: