CONSORCIO

O Consorcio aproba as liñas mestras da nova temporada da RFG e do vindeiro curso da Escola de Altos Estudos Musicais

09/06/2014 O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Ángel Currás. Entre os temas abordados destaca a posta en coñecemento da temporada 2014-1015 da Real Filharmonía de Galicia e da actividade académica da Escola de Altos Estudos Musicais para o vindeiro curso. O organismo tamén informou das novas exposicións e publicacións nas que está a traballar e aprobouse un convenio de colaboración coa Asociación Peregrinos Musicais.

Na xuntanza déronse a coñecer as principais novidades da temporada 2014-1015 da RFG, que se presentará publicamente nas vindeiras semanas. Contarase coa presenza de solistas de prestixio internacional e programaranse tanto obras do repertorio clásico como pezas de música contemporánea. A orquestra desprazarase a diversos puntos de Galicia e a outras comunidades autónomas; e participará en eventos relevantes da programación cultural da cidade como Cineuropa, Via Stellae ou o Festival de Música Contemporánea.

Por outro lado, informouse das actividades da Escola de Altos Estudos Musicais para o próximo ano académico. Destaca o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai tres anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra. Para esta nova edición inscribíronse 142 alumnos, 67 máis que na anterior, un dato que confirma a consolidación desta proposta formativa. En xullo terán lugar as probas selectivas para cubrir as 18 prazas dispoñibles.

Concerto conxunto gratuíto
A escola e a orquestra conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía, coa que os alumnos participan nos seus concertos. O xoves 12 de xuño celebrarase un concerto conxunto da orquestra con alumnos do curso académico actual, que actuarán como solistas baixo a dirección de Maximino Zumalave. Será no Auditorio Novagalicia Banco de Santiago de Compostela, ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal ou no propio auditorio o día do concerto.

Novas exposicións no Museo das Peregrinacións e na Casa do Cabido
Este martes, 10 de xuño, inaugúrase no Museo das Peregrinacións e de Santiago a mostra Ayer y hoy del Camino de Castilla La Mancha, unha exposición organizada pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. A través de diversas fotografías busca transmitir a evolución do Camiño de Santiago ao seu paso por esta comunidade nos últimos 40 anos.

En xullo o Museo acollerá, durante unha semana, unha exposición singular sobre a conmemoración do 75 aniversario do Exército do Aire, que amosará diversas facetas da aviación en España e aspectos da mesma vencellados á cidade de Santiago. Tamén en xullo abrirase ao público unha mostra antolóxica do debuxante galego Miguelanxo Prado, que reunirá, por primeira vez en Galicia, os máis de 30 anos de traballo do artista.

Por outro lado, a Casa do Cabido será a sede dunha exposición que reflicte o protagonismo da cidade de Santiago na literatura infantil e xuvenil e na historieta ao longo dos últimos anos. Cara ao outono, este espazo expositivo acollerá unha mostra sobre a historia da Escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo de Santiago.

Reedición dun estudo sobre San Francisco escrito por Emilia Pardo Bazán
Ademais, deuse a coñecer aos membros da Comisión Executiva o programa de publicacións no que está a traballar o Consorcio neste exercicio presupostario. O organismo súmase á celebración do Ano de San Francisco coa reedición dun estudo biográfico do santo escrito por Emilia Pardo Bazán. Na actualidade non se dispón dunha edición accesible desta obra, de aí a importancia da súa recuperación. Esta edición contará cun estudo preliminar, notas e introdución do catedrático de Literatura Española da USC Manuel González Herrán.

Conmemoración do centenario da morte de Víctor Said Armesto
No marco da celebración do centenario da morte do polígrafo Víctor Said Armesto, o Consorcio ten en marcha unha coedición, xunto á USC, dun libro sobre a figura do escritor, primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa nunha universidade española. E a Real Filharmonía renderalle unha homenaxe en decembro coa posta en escena da obra de Conrado del Campo La flor del auga, cuxo libreto escribiu Said Armesto.

O programa de publicacións recolle tamén unha monografía da Catedral de Santiago do profesor José Manuel García Iglesias; xunto con outra publicación científica que afonda no estudo das circunstancias e das estratexias que puxeron en marcha a construción da catedral románica, de José Luis Senra.

Colaboración coa Asociación Peregrinos Musicais
O Consorcio aprobou un convenio coa Asociación Peregrinos Musicais, centrado na segunda edición do curso-festival de verán Música a Mi-La-Do, que se vai celebrar en Santiago do 7 ao 13 de xullo. O Consorcio porá a disposición da asociación as instalacións da Escola de Altos Estudos Musicais para o desenvolvemento do mesmo.

Compartir: