TURISMO

A Organización Mundial do Turismo e as Cidades Patrimonio asinarán un convenio de colaboración en Santiago este venres 6 de xuño

04/06/2014 O Seminario da OMT "O rol do Patrimonio Mundial na configuración de produtos turísticos innovadores" que se inaugura o 6 de xuño en Santiago é o primeiro proxecto que ambas as dúas entidades poñerán en marcha para a posta en valor e comercialización do Patrimonio Mundial como produto turístico diferenciado.

A Organización Mundial do Turismo (OMT) e o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España asinarán o próximo venres en Santiago de Compostela un acordo marco de colaboración co obxectivo primordial de promover o papel do Patrimonio Mundial como elemento clave no desenvolvemento turístico sostible. En virtude deste convenio ambas as dúas entidades cooperarán na execución de proxectos comúns que inclúan algunha das seguintes áreas: desenvolvemento de programas de formación, organización de foros e seminarios, actividades de investigación e desenvolvemento, e comercialización do produto turístico Patrimonio Mundial.

O acto da firma terá lugar o venres 6 de xuño ás 16,00 horas na Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, cidade membro do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España dende a súa creación en 1993 e que dende o 4 de xuño acollerá a 98 reunión do seu Consello Executivo á que asistirán delegacións dos 32 países membros, con presenza dunha decena de ministros de Turismo dos estados representados.

O secretario xeral da OMT, Taleb Rifai, e o vicepresidente do Grupo Cidades Patrimonio e alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello, asinarán o acordo marco, acompañados polos seguintes alcaldes en representación das 15 cidades membros da asociación: Ángel Currás, Alcalde de Santiago de Compostela; Miguel Ángel García Nieto, Alcalde de Ávila; Clara Luquero, Alcaldesa de Segovia; e Piar Marí, Alcaldesa de Eivissa.

Tras a firma dará comezo o seminario sobre colaboración público-privada " O rol do Patrimonio Mundial Material e Inmaterial na configuración de produtos turísticos innovadores", organizado pola OMT en colaboración co Grupo Cidades Patrimonio. Este seminario é o primeiro froito do acordo marco entre ambas as dúas entidades e xirará en torno ao papel relevante que o Patrimonio Mundial vén exercendo no mercado turísitico, cun atractivo cada vez maior para os viaxeiros que buscan esta oferta diferenciada e na que España é, xunto con Italia, líder mundial, con 44 bens materiais e 10 inmateriais inscritos na lista da UNESCO.

Participarán no seminario, impartindo relatorios marco sobre Patrimonio e turismo dende a perspectiva privada: Mercedes Carreño, da Universidade Da coruña; Jorge Robles, da empresa de innovación tecnolóxica aplicada ao turismo Pastview; e Masih Sharif, do Bank of Tourism of Iran.

A continuación terá lugar un bloque de presentacións con intervencións de representantes de institucións públicas e privadas, que expoñerán exemplos e casos concretos de promoción e comercialización do produto Patrimonio Material e Inmaterial: Esther Rodríguez, Subdirectora Xeral Adxunta de Protección do Patrimonio Histórico en Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España;; Ángeles Alarcó, Presidenta de Paradores de Turismo de España; e Jose Mari Aizega, Director Xeral do Basque Culinary Center, e os representantes de cidades declaradas pola UNESCO Patrimonio da Humanidade: Miguel Ángel García Nieto, Alcalde de Ávila; Clara Luquero, Alcaldesa de Segovia; e Pilar Marí, Alcaldesa de Eivissa.

O seminario concluirá cunha mesa redonda e debate no intervirán Antonio López de Ávila, presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo; Anne Lafortune, Secretaria de Turismo de Seychelles; e Daniel Pablo Aguilera, Secretario de Estado de Turismo de Arxentina.

Tras a clausura do Seminario pecharase a xornada ás 20,30 horas co concerto de música clásica que as Cidades Patrimonio ofrecerán aos asistentes na Capela da Orde Terceira de San Francisco. No concerto, que forma parte do ciclo "Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España", actuará o Grupo Kuhlau da Escola Superior de Música Raíña Sofía cun programa con obras de Mozart, Haydn e Reger.

A Organización Mundial do Turismo (OMT) é o organismo das Nacións Unidas encargado da promoción dun turismo responsable, sostible e accesible para todos. A OMT, como principal organización internacional no ámbito turístico, avoga por un turismo que contribúa ao crecemento económico, a un desenvolvemento incluyente e á sostibilidade ambiental, e ofrece liderado e apoio ao sector para expandir polo mundo os seus coñecementos e políticas turísticas. A OMT defende a aplicación do Código Ético Mundial para o Turismo para maximizar a contribución socioeconómica do sector, minimizando á vez os seus posibles impactos negativos, e comprometeuse a promover o turismo como instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio (ODM), encamiñados a reducir a pobreza e a fomentar o desenvolvemento sostible. A OMT xera coñecemento dos mercados, promove políticas e instrumentos de turismo competitivo e sostible, fomenta o ensino e a formación en materia de turismo e traballa co fin de facer do turismo unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento mediante proxectos de asistencia técnica en máis de 100 países do mundo. Entre os seus membros figuran 156 países, 6 membros asociados e máis de 400 Membros Afiliados que representan ao sector privado, a institucións de ensino, a asociacións de turismo e a autoridades turísticas locais.

O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (www.ciudadespatrimonio.org) é unha entidade non lucrativa creada en 1993 e formada actualmente por 15 localidades, todas elas incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO pola excepcionalidade e valor dos seus cascos históricos. Foron cidades fundadoras Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Posteriormente ingresaron: Córdoba (1996), Cuenca (1998), Alcalá de Henares (2000), San Cristóbal de La Laguna (2002), Eivissa (2002), Tarragona e Mérida (2006). O 22 de marzo de 2014 acordouse o ingreso das cidades renacentistas de Úbeda e Baeza. O seu obxectivo fundacional é actuar de xeito conxunto na defensa do patrimonio histórico das cidades que o compoñen, así como na difusión e promoción nacional e internacional dos seus valores culturais, propiciando o desenvolvemento dun turismo cultural de calidade baseado na rica historia e o patrimonio das súas cidades.

Documentos relacionados



Compartir: