CULTURA

Vinte e tres concertos na 9ª edición do festival Via Stellae

04/06/2014 Foi presentado esta mañá polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo

O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. Nesta edición serán un total de 23 concertos que se celebrarán desde o 20 de xuño ata o 15 de xullo.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, encherase de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

A liña de programación vinculada ao Barroco, á música antiga e á interpretación historicista ponse de manifesto coas actuacións de artistas e agrupacións de prestixio internacional do talle da orquestra barroca belga Il Fondamento, dos violinistas Fabio Biondi, Sergey Malov e Amandine Beyer, da soprano italiana Roberta Invernizzi, do cuarteto vocal norteamericano Anonymous 4, dos contratenores Xavier Sábata e José Hernández Pastor, do pianista Iván Martín, dos conxuntos Al Ayre Español e Accademia del Piacere etc.

No programa atopamos un destacado protagonismo dos grandes mestres do Barroco, de Bach e dos seus contemporáneos: Vivaldi, Haendel, Telemann... A Johann Sebastian Bach e as súas sonatas para violín e clave dedican o seu concerto dous grandes nomes como o violinista palermitano Fabio Biondi e o clavecinista neoiorquino Kenneth Weiss. Outras figuras do festival amosarannos diferentes facianas, repertorios e persoeiros do mundo da música antiga e barroca. Coa sensibilidade interpretativa e a fermosa voz da soprano milanesa Roberta Invernizzi achegarémonos á canción italiana da primeira metade do século XVII, un tempo no que as emocións e os afectos eran expresados polo cantante, por unha soa voz, con acompañamento instrumental, neste caso o laudista neoiorquino Craig Marchitelli. Pechan o festival catro mulleres que forman parte da historia da recuperación da música medieval: o cuarteto vocal Anonymous 4 presentan en Compostela unha antoloxía dos máis de 25 anos facendo música xuntas que ao mesmo tempo supón unha ampla panorámica dos cantos medievais e polifonías europeas.

Dende Andalucía chega unha das referencias da música antiga española, a Accademia del Piacere que liderada por Fahmi Alqhai recrearan co seu programa fantasías_diferencias_glosas a práctica habitual dos músicos españois do XVI e XVII da interpretación, con boas doses de improvisación, de transformación e adaptación das pezas aos recursos instrumentais dispoñibles. Os modelos italianos e Corelli son a fonte de inspiración do concerto dedicado á música francesa (con Couperin á cabeza) que ofrecerán a sensible e virtuosa violinista de Aix-en-Provence (e residente hai anos en Vigo) Amandine Beyer á fronte do seu grupo Gli Incogniti.

A ópera é protagonista nos recitais dos contratenores Xavier Sábata e José Hernández Pastor. O contratenor español de maior proxección internacional, o barcelonés Xavier Sábata, ofrecerá un monográfico dedicado a arias de ópera para castrato compostas en Londres polo gran mestre da ópera barroca, Georg Friedrich Haendel. Á figura dun dos primeiros cantantes famosos da historia da ópera, probablemente o seu primeiro gran divo, o castrado italiano Baldassare Ferri, dedica o valenciano José Fernández Pastor o seu recital centrado na música vocal e os primeiros pasos do xénero operístico no século XVII. E a ópera tamén e protagonista, esta vez sen palabras, no concerto de Al Ayre Español, conxunto aragonés (Premio Nacional de la Música 2014) que baixo a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo interpretará a integral das fermosas sonatas opus 5 de Haendel.

Unha das efemérides musicais máis sinaladas deste ano e o terceiro centenario do nacemento de Carl Philipp Emanuel Bach, membro dunha das familias musicais máis longas da historia. Ao segundo fillo de Johann Sebastian Bach, e ao seu padriño Georg Philipp Telemann, dedican o seu concerto a experimentada orquestra barroca belga Il Fondamento e o seu creador Paul Dombrecht. Tamén arredor da música de C.P.E. Bach (xunto á de Vivaldi e á do seu pai J.S. Bach) descubriremos un instrumento, e un xeito de interpretar: o violoncello da spalla co que o versátil interprete ruso Sergey Malov (tamén violinista e violista) tocará boa parte do variado programa de sonatas, suites e variacións no que explora as cores, sonoridades, recursos estilísticos e expresivos dos instrumentos de corda.

O festival Via Stellae non esquece celebrar musicalmente o 8º centenario da peregrinación a Compostela de San Francisco de Asís con dous proxectos de cadansúa agrupación galega. Na capela da Orde Terceira, o coro Vox Stellae fará unha recreación litúrxica da festa de san Francisco e, no seu 25º aniversario, o grupo compostelán Resonet que dirixe Fernando Reyes será o encargado de inaugurar o festival na igrexa conventual de Santa Clara cun programa de cantos italianos do século XIII relacionados coa orde franciscana e cantos ibéricos da época como as Cantigas de Santa María ou o noso Códice Calixtino. Os profesionais galegos contan cun destacado protagonismo con interesantes propostas como é o caso do arpista compostelán Manuel Vilas que durante este Via Stellae materializará a derradeira entrega (sexta) da recuperación integral dos cen tons humanos contidos no Manuscrito Guerra que se conserva na universidade compostelá; a mezzosoprano catalá Lidia Vinyes Curtis será a voz deste concerto e do sexto disco da gravación completa deste manuscrito, un dos documentos máis importantes para a música barroca española, que está a editar a discográfica británica Naxos.

A Real Filharmonía de Galicia divide en dous os seus efectivos para ofrecer dous concertos en días consecutivos no Via Stellae. No primeiro o canario Iván Martín, un dos máis destacados pianistas da súa xeración, ponse á fronte da sección de cordas da orquestra compostelá para interpretar tres fermosos concertos dun dos músicos máis extraordinarios da historia e protagonista destacado desta novena edición do festival. Ao día seguinte, o director compostelán Maximino Zumalave propón un especial programa nun dos patios do Hostal dos Reis Católicos con tres divertimentos para cordas, fermosas obras de xuventude, que Mozart compuxo en Salzburgo. No mesmo marco terá lugar a presentación de Galicia Brass, un novo conxunto que nace en Compostela e que para o seu primeiro concerto realizou unha coidada e variada selección de obras orixinalmente escritas para este brillante formación de metais e percusión. En colaboración co proxecto de recuperación musical Descubrindo as nosas músicas, os pianistas Alejo Amoedo e Pablo Rodríguez e a soprano Teresa Novoa ensinarannos a faciana máis íntima da música culta galega, a do piano e a canción lírica.

A percusión é un dos fíos condutores este ano do OFF#Stellae (a achega alternativa do festival: outras músicas, outras visións, outros espazos…) materializada en seis concertos e espectáculos. Tres deles están organizados en colaboración co FIP, Festival Internacional de Percusión: na praza da Quintana a Banda Municipal de Música, que por segundo ano consecutivo se suma ao Via Stellae, materializa unha nova colaboración co Ensemble Residente do FIP en torno ao folclore indíxena americano; o CGAC acolle unha suxestiva proposta na que Nuno Aroso, un dos intérpretes portugueses máis creativos no panorama da música contemporánea, experimenta mesturando instrumentos de percusión con outros materiais, e o claustro de San Martiño Pinario será o marco no que catro novas percusionistas galegas (Marta Rodríguez, Carla Villanueva, Irene Rodríguez e Sabela Castro) presentan un variado programa baixo o título Marimba en pedra. Na improvisación, nunha ollada renovadora cara ao pasado, na fusión con outros xéneros musicais... sitúanse os puntos comúns de encontro das outras tres convocatorias do OFF#Stellae, dos tres concertos do trío Caspervek, de Andreas Prittwitz e de Germán Díaz. As emblemáticas Variacións Goldberg, obra mestra de Bach, son o punto de partida da travesía musical do Caspervek Trío polo Renacemento e o Barroco. Os mesmos períodos musicais reivindican o multiinstrumentista Andreas Prittwitz e o seu quinteto Lookingback nunha lectura actual que ten no jazz improvisado un dos seus piares máis sólidos. E dende Viena trouxo a Lugo o inquedo músico Germán Díaz un dos escasos exemplares funcionais que existen no mundo de lira organizata, instrumento híbrido de órgano e zanfona; sempre orixinal nas súas propostas, Germán Díaz estará acompañado nesta viaxe pola corneta e a tuba doutro peculiar músico de jazz como David John Herrington.

Moitos e moi variados son os protagonistas desta novena edición do festival Via Stellae... os Bach, a percusión, Francisco de Asís, a improvisación, Haendel, a música antiga e o Barroco, a fusión, raíces e tradición, a voz, instrumentos descoñecidos, o entorno artístico e histórico do casco vello compostelán, rigor interpretativo e innovación... Unha ollada ao pasado mirando de fronte ao futuro… Cos oídos e os ollos ben abertos, ao longo destas case catro semanas de festival non faltarán as oportunidades para vivir enriquecedoras experiencias rodeados de tanta e tan boa música.

Venta de entradas e prezos Dos vinte e tres concertos do programa só serán de pago seis cuns prezos de 6 ou 8 euros. O resto será con invitación que haberá que retirar previamente agás o da Praza da Quintana que será de entrada libre. Ademais, para 5 deses 6 concertos de pago haberá un abono a un prezo de 30 euros.

As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18.00 a 21.00h. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443. A venta de entradas e abonos será a partir do 6 de xuño e a retirada de invitacións para os concertos que son gratuítos a partir do 12 de xuño.

Compartir: