DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

A Comisión asesora do Casco Histórico aproba a renovación dos pavimentos da praza de Galicia por máis de 100.000 euros

04/06/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, deu conta dos asuntos tratados pola Comisión asesora do Casco Histórico na sesión ordinaria do mércores 3 de xuño entre os que salientan a renovación dos pavimentos da praza de Galicia ou a mellora da rede de saneamento na rúa do Franco.

En total investiranse 107.000 euros na mellora das beirarrúas perimetrais da praza de Galicia, moi deterioradas polo uso continuado dos últimos anos sen as axeitadas obras de mantemento e conservación, máis que algunhas actuacións de carácter moi puntual.

As obras consistirán no levantado do bordo antigo e substitución do mesmo colocándoo á cota axeitada para evitar que os vehículos invadan a beirarrúa; demolición da beirarrúa tanto perimetral da praza coma a que está en contacto coas das rúas que acceden á mesma e reposición con baldosa tipo terrazo nova. Así mesmo ensancharase a beirarrúa que une Doutor Teixeiro con Hórreo e instalaranse xardineiras en puntos singulares de confluencia, todo elo atendendo a criterios de accesibilidade. Por último, transformarase en xardín non transitable a isleta que separa os tráficos da rúa da Senra e a praza.

Mellora da rede de saneamento na rúa do Franco
Outro dos puntos aprobados foi a mellora da rede de saneamento na rúa do Franco no tramo situado entre a praza e a travesa de Fonseca, onde se viñan producindo inundacións nas xornadas de precipitacións extremas. Investiranse arredor de 6.600 euros nunha obra que conta cun prazo de execución de tres semanas.

O obxecto da intervención é executar unha serie de actuacións que eviten na medida do posible a repetición das inundacións acaecidas no inverno pasado. Proxéctase a mellora da rede de saneamento soterrada actual mediante a instalación dunha nova canalización de PVC liso de 50cm de diámetro, cunha lonxitude de 8 metros, e a construción de 3 novos pozos de rexistro de paso que permitirán a realización dos xiros precisos da canalización.

Outras actuacións
No ámbito da Cidade Histórica aprobouse a realización de obras de conservación na Igrexa de Santo Agostiño (edificio catalogado co nivel 1 de protección), e promovidas polo Consorcio de Santiago cun orzamento de execución material de 36.707,28 €. Consistirán na limpeza da fachada principal (oeste) e na restauración do rosetón da fachada lateral sur (fronte ao Mercado de Abastos).

Así mesmo, levaranse a cabo as obras de rehabilitación da cuberta no Pazo de Amarante, na rúa da Algalia Abaixo, promovidas polo Consello Consultivo cun orzamento de execución material de 2.980,00 € e un prazo de execución de 10 días. As obras suporán a eliminación do canlón oculto existente no faldrón traseiro da cuberta e a colocación de novos canlóns e baixantes de cinc na fachada traseira do edificio.

Dentro do Perímetro azul, aprobouse, ademais da renovación de pavimentos na Praza de Galicia, a canalización de telefonía para R na rúa de Galeras e a substitución de tellas, claraboia e canlón na rúa do Home Santo nº 64.

Compartir: